O vicepresidente da Deputación anima aos alcaldes de Pontevedra a apostar por políticas de mobilidade sostible e segura

Xornada sobre Mobilidade Urbana e Seguridade Vial
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra animou hoxe aos alcaldes presentes nas II Xornadas sobre Mobilidade Urbana e Seguridade Vial celebradas en Madrid e tamén aos rexedores da provincia de Pontevedra a apostar por políticas de mobilidade sostible e segura para chegar a un cambio global que devolva as rúas a ser espazos con prioridade para as persoas. “É unha aventura única, marabillosa”, subliñou Mosquera, quen ante preguntas do auditorio indicou que tamén é “electoralmente rendible”.
Mosquera explicou que a experiencia do municipio de Pontevedra réxese por uns principios “universais” que son perfectamente extensibles tanto a cidades máis grandes como a vilas de menores dimensións: a idea da cidade como centro socializador, do calmado do tráfico, da autonomía dos nenos, da capacidade ambiental, das rúas habitables… “Temos que definir que hábitat urbano queremos e actuar en consecuencia. Se queremos reconstruir as zonas urbanas para que sexan funcionais hai que seguir eses criterios universais. Non hai especificidade en Pontevedra para que o seu modelo non sexa extensible, seguindo sempre cuestións conceptuais e adaptándoas ás características propias de cada lugar”, sinalou.
Neste sentido, Mosquera explicou que ademais do libro editado pola Fundación Pons no que se explica o modelo Pontevedra, a Fundación Knight, liderada por Michael Bloomberg, aportará 1,8 millóns de dólares ao Center for Active Desing -que recentemente ven de recoñecer en Nova Iorque o traballo feito na capital da provincia- para que realice unha publicación internacional e que os ‘deseñadores urbanos’ saiban como proxectar unha cidade cunha mobilidade como a de Pontevedra. “O modelo témolo en Pontevedra e, ás veces, é máis recoñecido fóra que dentro da casa”, recoñeceu o vicepresidente.
Coincidindo con Mosquera tamén falou o conselleiro de ITS, entidade organizadora das xornadas, José Luis Martín Palacín, quen sinalou que “os políticos deben ser como un piano no cuarteto de jazz, un fío condutor da melodía que a veces debe destacar como un solo apaixoado capaz de facer vibrar a toda a sociedade” e convencer á cidadanía de que é a principal beneficiada de rescatar os espazos públicos para os peóns e evitar que as decisións “afoguen cunha escandalera”.
Pola súa banda, o coordinador xeral de Planeamento, desenvolvemento urbano e mobilidade do Concello de Madrid, Ezequiel Domínguez, agradeceu a Mosquera “a paixón” mostrada e a vontade de compartir o traballo feito cos municipios do seu contorno, dando as claves para actuar a outros gobernos locais. Ao igual que o resto dos ponentes, sinalou que Pontevedra é unha referencia á que se chegará con traballo continuo.
Como xa vén sendo habitual, a quenda de preguntas estivo protagonizada polas cuestións relativas ás solucións prácticas de mobilidade adoptadas en Pontevedra e que se extenderán pola provincia galega da man da Deputación, que colaborará e asesorará aos concellos para a implantación de medidas como zonas 30, pasos de peóns sobreelevados e outros sistemas de calmado do tráfico, entre outras iniciativas.
Ademais da presenza da Deputación de Pontevedra nas xornadas celebradas no edificio Centro Centro do Concello de Madrid en Cibeles con César Mosquera como ponente, tamén estiveron presentes o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e a xefa de sección do servizo de Infraestruturas, Belén Pampín, que permanecerán en Madrid ata o final do encontro no día de mañá.











