O veciño Manuel Tasende Riveiro celebra o seu 101 aniversario
Manuel Tasende Rivero celebrou nesta fin de semana o seu 101 aniversario acompañado polos seus familiares. Nesta sinalada data o alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira Rocío López agasallárono cunha placa conmemorativa e un ramo de flores en nome da Corporación municipal.
Manuel é o varón de máis idade empadroado no Concello. Aínda que é natural da parroquia de Montemaior, reside desde hai anos no Igrexario de Lemaio, na coñecida como Casa de Areosa, co seu fillo Marcelino, a súa nora María del Carmen Molk, a súa consogra Dolores Sande e un dos seus netos, que tamén se chama Manuel Tasende. Conta, en total, con oito fillos, once netos e sete bisnetos.
No Concello da Laracha hai actualmente cinco veciños que superan o século de vida, dos cales soamente un é varón (Manuel Tasende) e as outras catro son mulleres.