O Torneo de Xadrez de Barrocás celebrará a súa 31 edición reunindo 220 participantes
O Torneo Aninovo/ VI In Memoriam Manuel Villar chega á edición número 31 este Nadal reunindo nos locais da AVV Barrocás 220 participantes de todas as idades e procedentes de todas as partes do país e mesmo desde o prestixioso Clube de Xadrez do Porto. Será a partir do vindeiro sábado 26 de decembro e até o 5 de xaneiro. Na presentación desta actividade, na que estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Mario Guede, a presidenta da AVV Barrocás, Nieves Díaz, e Elías González, director técnico do Torneo, o alcalde de Ourense quixo manifestar o seu apoio expreso “a este tipo de iniciativas con especial dedicación para os máis pequenos, porque se hai canteira, hai futuro”, dixo.
O sábado 26 ás 11.30 comezarán as partidas da categoría Pre-benxamín (menos de 8 anos), mentres que os Benxamíns (ata 10) disputarán as súas 6 partidas a partir das 16.00 horas do mesmo sábado. O domingo 27 serán os Alevíns os que ocuparán as salas de xogo ás 11.30 horas. Por razóns de aforo, pero tamén por comodidade dos participantes, a resolución do podio, a entrega de trofeos e agasallos nestas 3 categorías terá lugar inmediatamente ao remate das partidas.
O domingo 27 ás 17:00 horas comezará o torneo para as categorías Infantil, Cadete, Xuvenil e Absoluta co saque de honra a cargo do concelleiro de Deportes, Mario Guede, e prolongaranse durante 7 xornadas (do 27 de decembro até o 5 de xaneiro). Nesta categoría absoluta, explicou Elías González, hai confirmados polo de agora 65 participantes, 40 deles de ránking internacional, entre os que se atopa o ourensán Iván Salgado, hoxe residente en Bulgaria e dedicado profesionalmente a este deporte, pero que deu os seus primeiros pasos precisamente neste torneo.
Algo máis que un evento deportivo
Nieves Díaz, presidenta da AVV Barrocás, quixo recordar que “os impulsores deste torneo non sabían xogar oa xadrez, e os que vimos detrás facemos os nosos pinitos”. O importante, lembrou, é poñer a disposición de todos os participantes os locais da asociación e o esforzo da súa xente. Foi a súa pequena homenaxe a Manuel Villar, impulsor do Torneo, e “leitmotiv de que se siga celebrando ano a ano”.
A propia Coral de Barrocás participará nesta festa de clausura, e dará paso á entrega do VI trofeo honorífico “Manuel Villar”, que foi concibido para recoñecer o mérito e o esforzo, individual ou colectivo, para a consecución de obxectivos que trascenden o beneficio persoal.











