O secretario xeral do PSdeG resalta o apoio que Pedro Sánchez lle deu na Coruña
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, resaltou este mércores o apoio que lle brindou o seu xefe de filas, Pedro Sánchez, no mitin da Coruña, e sostivo que “non” lle “sorprendeu” porque xa coñecía a súa opinión ao respecto.
Así, preguntado en rolda de prensa se esas palabras serven para disipar dúbidas acerca do seu liderado á fronte do partido, o lucense limitouse a sinalar que Pedro Sánchez dixo “publicamente”, ante unhas 2.000 persoas que encheron o recinto de Palexco, o que pensa.
Ao fío da situación interna do PSdeG, Besteiro foi cuestionado polos xornalistas acerca de se o nomeamento do alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, como vicepresidente da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A. (Suplusa), supón un intento de reconducir o conflito.
Ao respecto, declinou facer “valoracións” sobre a tramitación do expediente de expulsión do rexedor, pois o considera un asunto “puramente interno”, e unicamente sostivo que o seu partido é “absolutamente garantista” cos seus procesos disciplinarios”.
Máis alá diso, referiu que “os socialistas de ben están ao que teñen que estar”, centrados na campaña electoral. Sobre se existen socialistas que non sexan de ben, describiuse como “unha persoa moi benintencionada” que cree “na bondade de todo o mundo”. “Creo que a xente é boa por natureza, pero que ás veces colle camiños equivocados”, agregou.











