O Santiago Futsal xoga o último partido do ano en Sar
O Santiago Futsal recibe mañá a Xaén Paraíso Interior no encontro da 15ª xornada de Liga, encontro que poñerá fin á primeira volta do campionato. Santiagueses e xienenses chegan a este duelo polos postos da zona media da táboa moi igualados na clasificación, con só un punto de diferenza.
Os ‘guerreiros da terra’ queren apelar ao factor Sar para alargar o refacho positivo de resultados en casa, onde cultivaron unha avultada vitoria ante Elche CF (10-1) na 11ª xornada, e un empate ante Jumilla B. Carchelo (1-1) na 13ª xornada, a pesar de que este encontro celebrouse na ‘bombonera’ de Santa Isabel. Pero non só os bos resultados acompañan aos celestes en casa, senón que tras o empate o Zaragoza (5-5) e a vitoria en Santa Coloma (5-6), a de mañá podería ser a quinta xornada consecutiva puntuando para os de Santi Valladares.
Ante sí un equipo que se asenta na 13ª posición da táboa con 13 puntos, un menos que os de Santiago que son 12º con 14 puntos. Os andaluces chegan a este encontro sen gañar ningún encontro fóra de casa ata a data, pero logrando 4 empates nas pistas de Santa Coloma, Zaragoza, Burela e Levante. Nas últimas xornadas, os de Xaén acumulan dous empates e unha derrota.
Esta será a terceira tempada que santiagueses e xienenses se midan na competición ligueira. Mentres que na tempada 13/14 os de Santiago impuxéronse en Sar por un resultado de 6-3, no encontro de volta asinouse un empate nun A Salobreja (1-1). A tempada pasada, no encontro de ida os xienenses lograron a vitoria ‘in extremis’ por un resultado de 2-1, e no de volta a balanza equilibrouse para os galegos cun 2-1 ao seu favor.











