O Santiago Futsal comeza a segunda volta con bo pé

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Sen tempo para recuperarse do que foi un dos partidos máis emotivos do Santiago Futsal, nun partido con remontada e vitoria celeste e no que se asegurou a continuidade do equipo en Primeira División o que resta de tempada, a segunda volta comeza mañá en Santa Isabel. Os de Santi Valladares reciben mañá a Peñíscola RehabMedic no encontro da 16ª xornada de Liga.

A vitoria do pasado venres ante Xaén Paraíso Interior por 4-1, situou ao conxunto da capital galega na 11ª posición da clasificación con 17 puntos, a só 4 dos postos de ‘play off’, cunha folgada distancia sobre os postos de descenso, 11 puntos. Os de Santiago encadean un total de cinco xornadas consecutivas puntuando e dúas seguidas obtendo a vitoria. Mañá reciben ao 12º clasificado, un Peñíscola RehabMedic que suma un punto menos que os celestes e ante o que os de Santi Valladares rabuñaron un empate 4-4 no encontro de ida.

Para o encontro de mañá o conxunto celeste conta coas baixas de longa duración de Pablo Tallón e David Palmas. A eles súmase Pablo Mel, que se sumeterá a unha ecografía no día de hoxe por unhas molestias no psoas, e Iker López que sofre unha escordadura no ombreiro esquerdo.

Rolda de prensa

Santi Valladares compareceu este mañá en rolda de prensa previa ao encontro de mañá. O técnico galego quixo deixar á marxe a situación económica e que envolve ao club estes últimos días e falou do partido de mañá “O equipo agora mesmo está en inmerso nun dinámica moi boa. O destes xogadores é impresionante. Seguimos dando pasitos e recuperando boas sensacións. Levamos 5 xornadas consecutivas sen perder e dous partidos consecutivos gañados contra rivais moi potentes. E se agora botas as contas da leiteira ves que quedamos a nada da Copa. Aínda que agora mesmo hai outros problemas que solucionar, e canto antes mellor, nos deportivo estamos nun bo momento e queremos aproveitalo.”

Tamén falou do seu rival, Peñíscola RehabMedic, do que dixo “É un equipo moi parecido ao noso, cun fútbol sala moi alegre e dinámico. Enfrontámonos a un equipo que a min, persoalmente, gústame moito e que se cadra non está nas posicións que se merece. Mañá imos ver un partido moi alegre, un gran partido.”

Pola súa banda, o meta benaventino, Marcos Vara, destacou a situación anímica que vive o persoal “Estamos ben. O venres tivemos unha resposta e xa sabemos o que hai, para ben e para mal. O vestiario aceptouno ben e agora estamos a coñecer a realidade do club”. Engadíu tamén que “Nós sempre dicimos que somos un grupo unido pero neste momento, que foi moi complicado, demostrámolo.”

En canto ao encontro de mañá, Marcos Vara dixo que “estamos nun dinámica moi boa, e aínda que non tivemos moito tempo para preparar este partido porque só foron 3 días, temos que aproveitar esta boa serie. Conseguimos competir e atopar equilibro. Estamos a facelo ben, pero aínda non estamos a ver o máximo do equipo. Temos que seguir progresando porque queda metade da tempada e se quedamos aquí seriamos moi conformistas.”

 Marcos Vara animou á xente para asistir ao encontro de mañá “Aínda que mañá non é o mellor día para encher o pavillón porque hai outro encontro importante na cidade dúas horas antes, nós expoñemos os nosos valores de traballo, os que nos identifican. Seguramente non verán 12 estrelas no campo, pero verán a 12 xogadores cos que se poden sentir identificados, que o darán todo, como fixeron sempre neste club.”

Outra información

No encontro de mañá repartiranse cartóns de aparcadoiro gratuíto no parking A Catedral aos 100 primeiros asistentes que mostren o ticket de aparcadoiro na taquillado pavillón de Santa Isabel.

Tamén se realizará o xa habitual sorteo de material deportivo do Santiago Futsal no descanso do partido. A rifas venderanse no hall de acceso por un prezo de 1€.

Por último, Electrodomésticos Cenor patrocinará o xogo do descanso no que o gañador levará uns cascos Panasonic, cortesía de Electrodomésticos Cenor.

21 de decembro de 2015 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.