O Partido Popular pide a dimisión de Caballero por sumir a Vigo no “caos” urbanístico
O grupo municipal do PP no Concello de Vigo arremeteu este martes contra o rexedor, Abel Caballero, ao que acusan de haber “sumido” a Vigo no “caos” urbanístico tras coñecerse a anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal por parte do Tribunal Supremo, e proclamou que “o que ten que facer agora é pedir perdón e marchar, dimitir”.
Así manifestouno a voceira popular, Elena Muñoz, quen recordou que, cando Caballero accedeu á alcaldía, desbloqueouse a tramitación do PXOM (“paralizada” cando Porro era rexedora) e introducíronse cambios que alongaron os prazos e fixeron que se perdese o consenso e a xustificación da urxencia para eludir a avaliación ambiental estratéxica.
“Agora o Supremo anula o PXOM, e o mesmo que alardeaba da seguridade xurídica remata de sumir a Vigo no maior caos urbanístico da súa historia”, sinalou Muñoz, quen alertou de que numerosos proxectos e o propio desenvolvemento económico de cidade se poñen “en risco”. Así, referiuse á Cidade da Xustiza, a ampliación dos polígonos de Balaídos e Navia, a vivenda protexida, a ampliación dos parques tecnolóxicos, ou o macroproxecto de Porto Cabral.
Segundo a voceiro do PP, “hai un único responsable” da anulación do plan, e é o alcalde, que “cre que está por enriba da lei” e, coa súa actitude, “causou un dano infinito á cidade”.
Por iso, solicitarán a convocatoria dun pleno extraordinario para que, tanto o rexedor, como o seu tenente de alcalde, Carmela Silva, e a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, dean explicacións. “Agora que non intente botar balóns fóra”, advertiu Elena Muñoz, quen apuntou que “agora é moi triste recordar a foto do champaña” (en alusión a unha imaxe do alcalde, Silva, López Font, o que era concelleiro de Urbanismo e a exxerente desta área, brindando con cava cando se aprobou o plan).
“O CLAN DO PLAN DO 93”
O concelleiro do PP, José Manuel Figueroa, quen foi edil de Urbanismo no goberno de Porro, recordou que os populares lograran un gran consenso en torno ao plan urbanístico e que solicitaran a excepcionalidade para eludir a avaliación ambiental por “responsabilidade” e pola présa de que Vigo contase cun plan que acabase coa inseguridade xurídica do plan de ordenación do 93.
Pero na tramitación do Plan houbo un impass, segundo o concelleiro do PP, porque os conselleiros Pachi Vázquez e María José Caride, atendendo a “directrices” de Caballero, atrasaron o proceso ata que o socialista chegou á alcaldía da cidade olívica. A continuación, a tramitación dilatouse cos cambios introducidos no documento, o que fixo que se perdese a xustificación de présa para eludir a evalución ambiental.
“Houbo un boicot de Caballero, que aprobou un plan de 14 concelleiros contra 13, e agora hai que volver ao clan do plan do 93”, denunciou Figueroa, en alusión ao plan deseñado cando Carlos Príncipe e Dores Villarino eran alcalde e edila de Urbanismo respectivamente, e que foi tan duramente criticado polo actual rexedor.
“Qué curioso, coa súa prepotencia e chulería, con intervencións fóra de ton, e agora se volve ao plan do 93”, indicou José Manuel Figueroa, quen sentenciou: “Caballero é igual ou peor que os socialistas do 93”.











