O parque Barbaña convértese espazo de divulgación coa exposición ‘Era unha vez… a fala’
A exposición ‘Era unha vez… a fala!’ converte o parque Barbaña nun espazo de divulgación científica na que poderemos ver, de modo interactivo, a orixe e evolución dunha das facultades máis instintivas do ser humano. Esta iniciativa da Obra Social de la Caixa e o Concello de Ourense pretende ser un escaparate para toda a familia no que amosar dunha forma científica, pero amena, cando e como apareceu a capacidade de falar, que comezou no home Neanderthal e chega ata nós, que partes do corpo a fan posible e como segue a evolucionar co paso dos anos. A mostra estará aberta ata o 14 de xaneiro, sendo a entrada de balde.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, inaugurou a mostra xunto ao delegado territorial de Caixabank en Galicia, Marc Benhamou. O rexedor agradeceulle á obra social de la Caixa a aposta polo coñecemento e a divulgación na cidade, e animou a todos os ourensáns a visitar a exposición para coñecer “un dos piares fundamentais da nosa convivencia en sociedade, xa que a través da fala nos comunicamos, somos iguais e solidarios entre nós, e convivimos en sociedade”, dixo.
A mostra divídese en tres bloques: A comunicación nos seres vivos; A fala: unha vantaxe da evolución; e Linguaxe, máis que un código de signos. Así, poderemos ver dentro da carpa instalacións coma unha araña macho en ritual de apareamento, inhalar aromas xerados por animais como medio de defensa ou territorialización, escoitar a voz simulada dun Neanderthal ou aplicar diferentes dispositivos de comunicación coma os SMS.
“Só os humanos podemos falar, grazas a dous factores: un cerebro apropiado e unha larinxe en posición máis baixa que o resto de mamíferos”, explicaba Luís Batista, comisario da exposición. Porén, “podemos dicir que hai comunicación desde o momento no que un ser vivo realiza unha acción que modifica o comportamento doutro ser vivo”, dixo.
A exposición Era unha vez… a fala! permanecerá aberta até o 14 de xaneiro de 2016 na carpa instalada no parque do Barbaña no seguinte horario: de luns a venres, de 12.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas; sábados, domingos e festivos, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Os días 24 e 31 de decembro abrirá de 11.00 a 14.00 horas e permanecerá pechada os días 25 de decembro e aninovo.











