O novo Ciclo Principal do Rosalía Castro ofrecerá disparidade de formatos e gran presenza do teatro galego
A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento presentou esta mañá no Pazo de María Pita a nova tempada do Ciclo de Principal ‘Primavera 2016’ do recinto municipal, que comezará o vindeiro 29 de xaneiro e se desenvolverá até o mes de maio. O responsable da área, José Manuel Sande, e o director do Teatro, Xosé Paulo Rodríguez, amosaron a súa satisfacción pola renovación dun ciclo no que destaca a “disparidade e equilibrio de formatos” así como a “marcada presenza do teatro galego” no mesmo a través das actuacións das compañías Teatro do Morcego e Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014. As artes escénicas galegas tamén terán presenza no primeiro cuadrimestre do ano no Rosalía Castro coas estreas de cinco espectáculos de teatro e danza: Palabras Malditas, de Teatro do Noroeste; Raclette, de Ibuprofeno Teatro; Zugunruhe, de ArtesaCía; Foucellas, de Talía Teatro, e Invisible Wires, de La Macana.
A programación do ciclo comezará o 29 e 30 de xaneiro cunha adaptación de El discurso del Re y, o coñecido texto de David Seidler que conta o paso do príncipe Alberto a xefe de Estado a través dun discurso inaugural que terá que afrontar coa súa dificultade na locución. O seguinte espectáculo tamén é un clásico do teatro, El Zoo de cristal, de Tennessee Williams. Adaptada por Eduardo Galán e coproducida por Teatro Español, é un drama realista cun punto satírico que xira arredor da familia de Amanda Wingielfd e a súa loita por manter o estrato social. Poderá verse no Rosalía Castro a fin de semana do venres 12 e sábado 13 de febreiro.
A seguinte representación do Ciclo será o 19 e 20 de febreiro con Arizona, de Juan Carlos Rubio, un drama intepretado, segundo Paulo Rodríguez, interpretado “maxistralmente e cunha limpeza total e absoluta” por Gema Matarranz e David Gracía Intriago. “Máis divertido e enredoso é a seguinte obra”, explicou o director do teatro, “que estivo apadriñada polo Teatro Clásico”. La Hermosa Jarifa , unha coprodución na que participa o Festival de Almagro, representarase o 26 e 27 de febreiro.
O venres 11 de marzo a Compañía Proyecto 43.2 representará La Mirada del Otro , de María San Miguel, unha proposta que nace do proceso de investigación desenvolvido en 2011 a través de encontros entre exmembros de ETA e vítimas directas ou indirectas dos ataques da banda. A compañía realizará un encontro co público ao finalizar o espectáculo para intercambiar impresións sobre o mesmo.
A seguinte fin de semana, o 18 e 19 de marzo, un dos autores máis recoñecidos da escea estatal, Juan Mayorga, dirixirá a obra Reikiavik , que leva ao Rosalía Castro a representación do Campionato Mundial de Xadrez do ano 1972. Sobre o taboleiro, o soviético Boris Spasski e o estadounidense Bobby Fischer xogaron unha partida na que a Guerra Fría estaba presente.
No mes de abril chegará a galega Presidente, do Teatro o Morcego. Cun reparto televisivo, o espectáculo sitúa a un presidente que, en plena campaña electoral, atópase con enquisas pouco favorables á súa continuidade. O político decidirá visitar persoalmente á veciñanza para convencela de que o voten. A fin de semana do 15 e 16 de abril será a quenda de Ninette y un señor de Murcia , unha versión contemporánea de César Oliva da coñecida obra de Miguel Mihura.
No mes de maio chegarán as propostas Páncreas , de Patxo Tellería, unha comedia contemporánea en verso (venres 6 e sábado 7), e Solitudes , de Kulunka Teatro, que presenta a súa segunda montaxe na cidade o venres 13 e sábado 14. Solitudes “fala do paso do tempo, das ausencias, de non renunciar á vida dando relevancia aos elementos do día a día”, explicou Rodríguez, quen salientou que Kulunka “é unha das compañías estatais con maior proxección internacional”, con presencia internacional “en Inglaterra, Estados Unidos, Turquía, Nepal ou República Dominicana”.
O peche do Ciclo chegará con Eroski Paraíso , de Chévere. A obra parte do análise e recollida de material da discoteca Paraíso de Muros, que co tempo converteuse nun supermercado, a través das vivencias da poboación da contorna. Esta experiencia de teatro comunitario, na que actualmente está a traballar a compañía e que de momento conta no reparto con Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo, poderá verse a fin de semana do 20 e 21 de maio.
A presencia galega neste primeiro cuadrimestre do ano 2016 no recinto municipal tamén destaca nas estreas que terán lugar sobre o escenario do Teatro Rosalía Castro e fóra do Ciclo Principal. Entre elas atópanse as premiadas Palabras malditas , de Teatro do Noroeste (Accesit do Premio Lope de Vega 2014) e Raclette, de Ibuprofeno Teatro (Premio Álvaro Cunqueiro 2014 para textos teatrais). As estreas serán o 15 e 22 de xaneiro, respectivamente. ArtesaCía presentará Zugunruhe o 6 de febreiro e Talía Teatro Foucellas o 3 de marzo. Finalmente, La Macana estreará Invisible Wires , un espectáculo de danza coproducido coa Casa da Danza de Düsseldorf o 1 de abril.
As persoas que posúan o abono do Ciclo Principal Primavera 2016 terán un desconto do 25% no precio das localidades destas cinco estreas. Os abonos do Ciclo, “10 máis un”, segundo lembrou José Manuel Sande, inclúen as 10 obras da tempada e a opción adquirir a entrada para La mirada del otro, dunha única representación, co desconto habitual. Os abonos, que supoñen un 25% de aforro sobre as entradas individuais, poderán renovarse desde o 17 de decembro até o 5 de xaneiro todos os días nas canles habituais (Praza de Ourense de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 horas e Teatro Rosalía de 12 a 14 horas e de 18 a 20 horas nos días de función) agás o 24 e 31 de decembro e nos festivos. Tamén poderán adquirirse no teléfono 902504500 e www.ticketea.com As migracións de abono (cambio de venres a sábado ou viceversa) poderán realizarse o día 7 de xaneiro, e a venda dos novos será os días 8 e 11 de xaneiro. A partir do día 13 de xaneiro poderán adquirise as entradas individuais para os distintos espectáculos con prezos desde os 6,50 euros até os 21,50 euros. Como vén sendo habitual, as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou posuidoras do Carné Xove, terán un desconto do 20% nos seus billetes.











