publicidade hoxe

O Nadal Cultural contará con danza, maxia, teatro, monicreques, panxoliñas e moita diversión en Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Presentación da programación de Nadal

Presentación da programación de Nadal

Cantos de Nadal, cabalgatas de Reis, obradoiros, contacontos, arte, bailes para maiores, o Apalpador, iniciativas solidarias e o sempre agardado Nadal Pequespectacular enchen un ano máis a programación dun Nadal Cultural que ofrece citas para todos os públicos, pero nomeadamente para os máis cativos e cativas, entre o 9 de decembro e o 10 de xaneiro. Teatro, danza, música ou monicreques están presentes este ano no Nadal Pequespectacular, comezando cunha cita moi especial na Praza do Concello o sábado 26 de decembro. O Mago Antón realiza un espectáculo de rúa con sete sesións ás 12.00, 13.00, 16.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas nun espazo con capacidade para arredor de 40 nenos e nenas. Neste caso, a cita é de balde, aínda que quen non queira quedar sen sitio, debe reservar convite. O mesmo día, antes de cada función, tamén poderán recollerse na Casa do Concello. O resto das propostas do Nadal Pequespectacular, serán ás 18.00 horas no Pazo da Cultura e precisan, como en anos anteriores, da compra de entradas a un prezo de 4 € e de 3 € con desconto. O luns 28 os Monicreques de Kukas ofrecen “A frauta máxica do maxín”, unha adaptación da ópera “A frauta máxica” de Mozart cun dos Xograres de Outono do FIOT. O martes 29 será a quenda da Compañía Engruna Teatre con “Código Postal 00” para nenos e nenas a partir de 3 anos; e o mércores 30 Compañía La Coja Dansa ofrece o espectáculo “Escondite”.

Pero antes de entrar de cheo nas actuacións do Nadal Pequespectacular, o Nadal Cultural comeza cos Cantos de Nadal e o Acto de entrega de premios do Concurso de Cartel e Postal de Nadal o sábado 12 de decembro. Estarán presentes as agrupacións infantís do Coro Vagalume, Coro o Candil e da Asociación Recreativa e Cultural San Martín de Razo e tamén estarán presentes as cantareiras da Asociación Cultural Argazo. Un ano máis, Todo Lar colabora patrocinando os agasallos que se reparten entre os gañadores e gañadoras. O seu responsable, José Manuel Noya, dixo estar “encantado de patrocinar actividades para nenos e nenas” e agraceu que “o Concello lle dedique tanto tempo á cultura”. Os máis pequenos volven a poñer outra nota musical ao Nadal co Concerto do alumnado do Conservatorio Carballo, no que actuarán diversos solistas, grupos de cámara e o Coro do Conservatorio, xa o venres 18. E un ano máis temos as Noitiñas de Nadal que organiza o Concello coa Asociación Cultural Arume de Berdillo, cos cantos tradicionais propios destas datas que Arume recupera e volve a recrear no Adro da Igrexa, e nas rúas Martín Herrrera e Coruña. Será o domingo 27.

Os máis pequenos e pequenas e os que non o son tanto, tamén terán na Ludoteca e na Biblioteca Rego da Balsa o seu refuxo durante as vacacións de Nadal. No primeiro caso, coa celebración dun Obradoiro de Cartel e Postais de Nadal o mércores 16; e no segundo, cunha charca co escritor Mario López Guerrero, que presenta o seu libro “El increíble caso de por qué los demás no me entienden si yo lo tengo tan claro” o xoves 17; coa proxección da curtametraxe “A Biblio nun día” o martes 22; cos contacontos “Pais e nais contan” o mércores 23; ou cos Premios aos mellores usuarios e usuarias da Biblioteca en 2015 o luns 28.

Cabalgatas de Reis e Bailes para Maiores

Cada ano as Cabalgatas de Reis son un dos momentos máis esperados do Nadal, tanto na capital municipal como nas parroquias. Neste último caso, as citas están organizadas polas súas asociacións e contarán cunha subvención do Concello de Carballo. Na Cabalgata de Carballo vólvese a contar coa inestimable organización da Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude e coa colaboración económica do CC Bergantiños-Hiper Gadis e La Caixa, que aportan os caramelos, e de Automóviles Gonzacar e Alquileres Reneymar que proporcionan os vehículos que guían das carrozas e as infraestructuras complementarias para a carpa que se instalará para a recepción dos Reis Magos na Casa do Concello.

Este ano, ademais, a terceira idade ten ata tres citas para festexar a Noiteboa, o Aninovo e os Reis durante todo o Nadal. O primeiro baile está previsto para o sábado 19 de decembro e estará amenizado polo grupo Chicas do Swing; o segundo terá lugar o domingo 27 co Dúo Calú; e, por último o domingo 10 de xaneiro haberá baile amenizado polo Dúo Caramelo. Estas actividades están organizadas pola Concellaría de Terceira Idade e terán todas lugar a partir das 18.00 horas no Pazo da Cultura.

Actividades paralelas con citas como Mercarte

O programa do Nadal Cultural recolle ademais actividades e iniciativas das asociacións como diversas escenificacións de nacementos; recollidas benéficas de xoguetes, como a de Cruz Vermella; visitas do Apalpador ou Historias de Inverno que organiza a Asociación Ambiental Senda Nova; a campaña de Cáritas na carpa no adro parroquial; e concertos e festivais para os máis cativos e cativas tanto en Carballo como nas diferentes parroquias. Hai que subliñar a celebración un ano máis de Mercarte, unha exposición de obras de arte e obradoiros organizados por artistas de Carballo a través da Asociación Crea Formas Artísticas. Será no segundo andar do Mercado Municipal entre o 26 e o 29 de decembro.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo mencionar tamén e transmitirlle os seus parabéns a todos os nenos e nenas que participaron no Concurso do Cartel e Postal de Nadal. As gañadoras do 1º e 2º Premio, de 5 e 6 anos, ceden o seu debuxo para o cartel anunciador do Nadal e para a postal que aparece no programa. Tamén agradeceu, xunto co Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, a colaboración de todos os que fan posible a elaboración do programa, desde as asociacións culturais do municipio, ás empresas de Carballo que participan, como Todo Lar, o Centro Comercial Bergantiños – Hiper Gadis, La Caixa, Automóviles Gonzacar ou Alquileres Reneymar, e á Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia) e a Deputación da Coruña.

9 de decembro de 2015 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.