O Nadal chega aos Centros de Día xestionados por AFAL en Ferrol

Celebración de Nadal nun dos centros en Ferrol
O Nadal chegou aos Centros de Día xestionados por AFAL Ferrolterra na cidade. E, con tal motivo, a asociación organizaba a pasada semana senllas festas para os seus maiores e familiares. A primeira celebración tiña lugar no Centro da Rede Pública de Alzheimer da Xunta –situado na antiga Casa do Mar-. Alí, o equipo de profesionais preparaba unha deliciosa merenda do Nadal para os maiores e as súas familias, e ambientaba o centro con música de panxoliñas, así como guirnaldas e motivos da época. Unha celebración que incluía baile, como é xa tradición. Nesta ocasión, amenizado polo acordeonista Iker Díaz Villaverde. Ademais, os maiores levaron para as súas casas un bonito agasallo para as súas familias elaborado por eles mesmos: uns adornos para a árbore, que lles foron entregados por unha Mamá Noel moi especial. E as familias participaban na construción da árbore de AFAL escribindo os seus mellores desexos de cara ao 2016.
Un día despois, o venres, chegaba a quenda para os usuarios do Centro de Día Terapéutico de AFAL na rúa Río Castro, primeiro centro destas características aberto por unha asociación en Galicia. Como na xornada anterior, á festa sumáronse tamén os familiares. Nela, os maiores afectados pola enfermidade compartiron cos seus cónxuxes, fillos e netos unha merenda a base de turróns, polvoróns, mantecados, pasas e outros produtos típicos destas datas. A continuación, todos eles tamén participaron nun baile amenizado de novo pola música do acordeonista Iker Díaz Villaverde. E, entre unha e outra actividade, as familias puideron gozar da actuación da Coral de AFAL, que ofreceu o seu mellor repertorio de panxoliñas. Tamén familias e usuarios escribiron e depositaron nunha caixa de correos moi especial os seus mellores desexos para 2016. A festa de Nadal concluíu coa entrega duns detalles realizados polos usuarios do centro de día nos talleres ocupacionais e de manualidades.
Segundo explicou o presidente da asociación, José Manuel Maceiras Varela, con estas actividades AFAL Ferrolterra busca ofrecer espazos de lecer compartido entre os usuarios do Centro de Día e as súas familias, con propostas do seu interese. Nesta liña, lembrou que a programación anual da asociación inclúe tamén outras citas temáticas como a celebración do Entroido ou o Magosto.











