O Nadal chega á Tradescola

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A TRADESCOLA, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos en Lugo, organiza para os vindeiros luns 21 e martes 22 de decembro unha serie de actividades para darlle a benvida ao Nadal que terán lugar no Salón de actos da Tradescola, no Centro LUG 2, na Rúa Pintor Corredoira nº4 de Lugo.

O vindeiro luns día 21 de decembro iniciaremos a xornada con dúas actividades de balde e abertas para todos os públicos.

–    Ás 18.00 horas: Obradoiro Baile para nen@s e maiores con Pesdelán mini: Pesdelán é moito máis que un grupo de música. Mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos ao público, pretende recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia. Unha das integrantes do grupo animaranos a seguir os seus pasos, que nos explicará de forma sinxela e amena, para que todos e todas poidamos aprendelos cómodamente. Acompáñana varios músicos e músicas que interpretarán as melodías para podelas bailar. O tempo pasará sen darnos conta mentres gozamos, rimos, bailamos e coñecemos as e os nosos novos compañeiros de baile.

–    Ás 19.30 horas: Obradoiro de Cantos de Nadal a cargo da nosa profesora de canto tradicional Branca Villares, e posterior saída dos participantes a cantar panxoliñas polo centro da cidade. No obradoirorepasaremos unha tradición habitual nas nosas festas de Nadal na que grupos de mozas e de mozos percorrían as aldeas ou parroquias cantando pezas de literatura popular e transmitidas oralmente ó longo dos séculos. Neste obradoiro repasaranse algúns destos cantares, e todo o público asistente poderá participar de maneira activa aprendendo os cantos, e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Nadal e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural, permaneza viva ao longo do tempo.

E o martes 22 de decembro ás 20.30 horas tamén no salón de actos da Tradescola contaremos cun Ensaio Aberto con Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre + sinatura de discos (The Tambourine Man)

18 de decembro de 2015 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.