O grupo socialista aproba en solitario os orzamentos de Vigo para 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press
Caballero no pleno municipal

Caballero no pleno municipal

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu as contas para o ano que vén, que ascenden a 226 millóns de euros, insistindo en que son uns orzamentos “con marcado carácter social”, cun incremento nos investimentos e todo iso con “unha situación financeira de saneamento total e débeda cero”.

Aneiros xustificou que se rexeitasen as alegacións porque non cumprían a normativa ou ben porque se trataba de peticións que xa estaban contempladas no orzamento. Entre esas alegacións, ademais das emendas presentadas polo PP, había unha petición do SICO para dotar á Policía Local de chalecos antibalas (os que hai están caducados), reclamacións sobre investimento no rural, ou convenios con entidades veciñais.

Por outra banda, a Marea de Vigo insistiu en que os orzamentos “teñen que volver para atrás” para volver elaborar unhas contas “participativas” cun período de consultas previas. O seu portavoz, Rubén Pérez, advertiu das consecuencias da anulación da PXOM na previsión de ingresos por IBI e pediu que se devolva o diñeiro cobrado de máis por leiras que pasaron de ser rústicas a urbanas, e agora volven ser rústicas con arranxo ao plan do 93.

Do mesmo xeito, a portavoz do PP, Elena Muñoz, criticou que o goberno non aceptase ningunha das alegacións do seu partido e denunciou que os orzamentos do equipo de Caballero “non gustan a ninguén”, porque foron elaborados “a maior gloria do alcalde, por e para o Partido Socialista”.

Muñoz tamén fixo fincapé na anulación do Plan Xeral, e as posibles consecuencias nos ingresos de 2016, unhas consecuencias que Jaime Aneiros negou. O concelleiro de Facenda recalcou que “a incidencia é cero” pero que, no entanto, o goberno local fará un seguimento para controlalo.

DESCALIFICACIÓNS

O pleno deste luns caracterizouse unha vez máis polo cruzamento de acusacións entre edís, especialmente por parte de concelleiras do PSOE, dirixindo as súas críticas á portavoz do grupo popular, Elena Muñoz.

Así, Carmela Silva interrompeu en varias ocasións a quenda de palabra de Muñoz para facer alusións ás relacións do presidente Feijóo “con narcotraficantes” e para dicirlle á portavoz do PP que “debería darlle vergoña”.

A tenente de alcalde tamén se referiu en varias ocasións ao descoñecemento dos concelleiros populares sobre cuestións xurídicas ou de documentación dos propios orzamentos. “Que pouco nivel ten esta señora!”, chegou a exclamar, mentres que recomendaba a Muñoz que preparase as súas intervencións porque “non le, non estuda nada”.

Noutro momento do pleno, no que o portavoz do PSOE, Carlos López Font, afirmaba que aos concelleiros populares (un deles, Miguel Fidalgo, é candidato ao Senado) “váiselles a xear o sorriso” despois do 20 de decembro, Carmela Silva comentaba que o verdadeiro candidato do PP “é Louzán, que é o tapado para ser senador e aforado”.

9 de decembro de 2015 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.