publicidade hoxe

O Grove contará cun programa de conciliación familiar durante o Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

Os días 21, 22 e 23 de decembro entre as 10.30 e 13.30 horas poñerase en marcha na Casa de Cultura Manuel Lueiro Rey un programa de actividades lúdico-educativas para nenos e nenas de primaria e primeiro ciclo da ESO. As prazas están limitadas a 60 usuarios polo que é precisa inscrición previa nas propias instalacións.

A proposta ten como obxectivo proporcionar un espazo de tempo libre educativo durante o período de vacacións de Nadal deste xeito ofrécese unha alternativa para poder conciliar a vida laboral e familiar e, pola outra, créase un espazo para que os cativos desfruten do tempo libre dun xeito diferente, evitando as condutas consumistas ou sedentarias. 

As actividades foron deseñadas polos alumnos e alumnas do Obradoiro de Animación do Monte das Flores e pretenden, precisamente, buscar alternativas a o ocio tecnolóxico cun tempo libre educativo pero adaptado aos gustos e preferencias das idades ás que están destinadas. Os rapaces e rapazas que participen terán, xogos, manualidades, bailes, música… 

Ampla programación de Nadal

Seguindo coa dinámica marcada polo Concello dende o mes de agosto, decembro tamén estará cheo de actividades para todo tipo de públicos. Deste xeito ademais dos eventos tradicionais destas datas (Papa de Nadal, carteiro Real e Cabalgata de Reis), tamén haberá contacontos e actividades para os máis cativos. Dende o Concello incídese en animar aos veciños e veciñas a seguir esta programación a través das redes sociais. 

O sábado, día 19, está previsto que a Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey acolla o contacontos “Fábulas do Berce” a cargo de Charo Pita e destinado a nenos e nenas de 1 a 3 anos. As prazas xa se atopan cubertas o que deixa clara a boa acollida da programación de Nadal.

17 de decembro de 2015 | 10:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.