O goberno vilagarcián comprométese cos sindicatos a retomar a RPT no ano 2016
O goberno que preside Alberto Varela e os representantes sindicais dos traballadores municipais –xunta de persoal (funcionarios) e comité de empresa (laborais)- mantiveron hoxe unha reunión da denominada “mesa de negociación” para analizar tanto o relativo ao persoal que figura no proxecto de presupostos, coma outros asuntos que afectan a todo o plantel. Neste senso, un dos principais compromisos adquiridos polo goberno foi que ao longo do 2016 se retomarán a realización da RPT (Relación de Postos de Traballo), que durante os últimos catro anos quedou paralizada. O equipo de Varela Paz, que estivo representado pola portavoz, Tania García, e as concelleiras de Facenda, Luz Abalo, e de Persoal, Sonia Outón, destacou a boa sintonía cos representantes dos traballadores, algo que tamén estes destacaron; unha situación e unha actitude que contrasta coas relacións que o anterior goberno mantivo co persoal municipal, especialmente na última etapa.
Froito dese clima de entendemento e colaboración as obxeccións que fixeron os sindicatos ao proxecto de presupostos para 2016 foron mínimas e centradas en aspectos puramente técnicos, como a cualificación de determinadas prazas ou categorías, complementos que lles corresponden, etcétera. O venres o goberno e os representantes sindicais volverán a xuntarse para ver as correccións feitas ao documento.
Por outra banda, e ademais de poñer en marcha de novo a RPT, goberno e representantes sindicais tamén estiveron de acordo en recorrer á promoción interna e os concursos de traslados para prover cando sexa posible determinados postos dentro da administración.











