O Goberno lucense reclama á Xunta a rebaixa dos prezos do aparcamento do HULA e que sexa gratis os primeiros minutos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Goberno de Lugo buscará no Pleno do luns o consenso da Corporación para reclamar á Xunta de Galicia a rebaixa dos prezos do aparcamento do Hospital Universitario Lucus Augusti, mesmo chegando á gratuidade nos primeiros minutos de estancia, como fixo no centro hospitalario Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Tal e como explicou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, con esta proposición, o Executivo recolle unha forte demanda veciñal, que considera “excesivos” os prezos do aparcadoiro para os pacientes e os seus acompañantes, “sobre todo para aqueles doentes crónicos que teñen que acudir a revisións ou tratamentos case a diario”. As tarifas sitúanse “moi por riba das dos aparcamentos do resto da cidade, case un euro e medio pola primeira hora”.

O Concello xa ten solicitado a gratuidade do aparcamento, tendo en conta que foron a veciñanza e a Corporación local os que cederon os terreos para a construción do novo hospital, do mesmo xeito que costearon a urbanización, cun investimento de 7 millóns de euros.

Así mesmo, xa en outubro de 2013 os colectivos veciñais protestaron polo elevado prezo e cuestionaron a propia formulación que se tivo en conta á hora de establecer a concesión privada da xestión do aparcadoiro, entre outras, que o servizo ía ser sen ánimo de lucro. De ser isto así, consideraban os veciños, chegaría con cobrar a cuarta parte do que se cobra.

Estar reclamacións “caeron en saco roto” e non se revisaron as tarifas, que se manteñen como cando abriu o hospital no ano 2011, subliñou a edil de Economía. “A Xunta foi insensible ás demandas que veciños, partidos políticos e asociacións de todo tipo veñen facendo dende hai anos”, asegurou.

A situación do aparcadoiro do HULA contrasta co ocorrido en Vigo, onde, tras unha reunión entre o Alcalde da cidade olívica e o Conselleiro de Sanidade iniciáronse negociacións coa empresa concesionaria do aparcamento do novo hospital e recentemente acordouse unha considerable rebaixa nos prezos, por baixo incluso da media do resto de aparcadoiros da cidade.

De xustiza

O Goberno esixe que se corrixa este “agravio comparativo canto antes”. “É de xustiza que en Lugo se tomen as mesmas medidas que en Vigo, cando ademais os terreos para construír o hospital foron cedidos polo pobo. Non podemos permitir que, como ben sendo habitual, se trate aos lucenses dun xeito discriminatorio con respecto a outras cidades e provincias”.

Ampliación das prazas no entorno do HULA

A rebaixa das tarifas de aparcamento complementaría á creación dunhas 500 prazas gratuítas de aparcamento no entorno do HULA na que está a traballar o Concello coa reordenación dos espazos na rúa que rodea ao centro e co acondicionamento dunha parcela municipal situada en fronte do hospital.

18 de decembro de 2015 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.