O goberno lalinense presenta aos veciños a primeira área de compostaxe comunitario

Reunión cos veciños
A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso e o Secretario Executivo de ADEGA, Fins Eirexas, mantiveron unha reunión con veciños e veciñas da zona do Regueiriño, para presentarlles o que será o primeira área de compostaxe comunitario do casco urbano de Lalín. Este primeiro composteiro instalarase xa ao longo deste mes nun dos solares sen uso colindantes á rúa da Habana, e poderá ser empregado polos cidadáns dos edificios próximos.
A xuntanza tivo carácter informativo e nela explicóuselles aos asistentes o funcionamento do futuro espazo, respondendo a cuestións tales como o que é a compostaxe, que materiais se poden botar, ou que vantaxes ten o compost para os cidadáns o medio ambiente e mesmo para o Concello.
Os técnicos/as de ADEGA e do Concello de Lalín estarán a disposición dos cidadáns para que unha vez se coloque a área de compostaxe poidan resolver calquera tipo de dúbida. A participación neste proxecto ten carácter voluntario, polo que tanto Alonso como Eirexes animaron aos residentes do barrio a participar e a compostar os seus restos orgánicos no que chamaron “unha xestión intelixente dos residuos, que ademais serve para aforrar miles de euros en tratamentos do lixo obsoletos que danan o medio ambiente” .
A área de compostaxe tamén fará un gran servizo ao Concello xa que os restos vexetais dos parques serán depositados nela aforrando custos de transporte e tratamento. Ao converterse en compost os nutrientes serán devoltos ao parque para abonar plantas e árbores, aforrando tamén o gasto na adquisición deste substrato tan utilizado en xardinería.











