O goberno galego traballa para que a anulación do PXOM de Vigo teña o menor impacto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou este martes de que técnicos traballan para que a anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo por parte do Tribunal Supremo teña o menor impacto posible, ao tempo que avisou de que “hai unha serie de responsabilidades e quen tramitou o plan en aquel momento terá que explicar, e máis se ten agora mesmo responsabilidades, por que en aquel momento tomouse esa decisión, que agora se anula”.

O Tribunal Supremo estimou un recurso interposto pola asociación Alternativa Veciñal de Vigo contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), e anulou o plan xeral vigués ao carecer de plan de avaliación ambiental estratéxica, despois de que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, dependente da Consellería de Medio Ambiente, aducise a inviabilidade desta declaración por demorar a execución de proxectos.

Concretamente, o fallo xudicial estima o recurso contencioso-administrativo contra a orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte da Xunta en 2008, entón dirixida pola socialista María José Caride, hoxe en día concelleira de Urbanismo do Concello vigués con Abel Caballero.

A preguntas da prensa este martes, Rueda apuntou que “tódalas administracións” terán que sentar para abordar “unha situación moi difícil” e “grave”, onde os “principais afectados son todos os sectores”, cunha “inseguridade xurídica, probablemente, no peor momento”.

“Imos ver, entre todos, que se pode facer para solucionar a parte que se poida solucionar e, despois, loxicamente, para que non se poida volver repetir esta situación, ver de onde veñen as responsabilidades e cando se adoptaron estas decisións”, subliñou.

Ao respecto, recordou que a tramitación “se fixo durante o ano 2008”, co bipartito na Xunta, “e haberá que ver quen estaba no ano 2008”.

Por iso, Rueda avogou por “analizar ben” a sentenza e “o que pode pasar”, de forma que “se houbese responsabilidades tamén haberá que dirimilas”. Así, considera que hai que intentar solucionar canto antes” esta situación.

INSTRUMENTOS XURÍDICOS

Nesta liña, o vicepresidente da Xunta explicou que “xa houbo outros casos anteriores de sentenzas, ao mellor non con esta extensión nunha cidade tan importante como Vigo, pero houbo casos similares”.

Ante isto, “hai instrumentos que permiten, se non manter a situación que había co plan xeral vixente, iso non pode ser, si, canto menos, determinadas actuacións ou ámbitos a intentar preservar”. “Por iso agora os técnicos están a analizar a sentenza e a situación que se pode dar”, agregou.

1 de decembro de 2015 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.