publicidade hoxe

O goberno de Narón aproba no pleno extraordinario solicitar á Deputación da Coruña unha subvención do PAS por 830.132 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O Concello solicitará con cargo ao Plan de Acción Social (PAS) 2015 da Deputación da Coruña unha subvención por un importe total de 830.132 euros, unha cantidade que se destinará a executar investimentos en materia de melloras de accesibilidade, acondicionamento de prazas públicas, mantemento de instalacións municipais, melloras de seguridade vial e de eficiencia enerxética. Os edís do grupo de goberno –TEGA, PSOE e BNG- obtiveron o respaldo dos cinco concelleiros do PP e do edil de EU para aprobar esta proposta no pleno celebrado esta mañá, ás 12.00 horas, con carácter extraordinario.

No que respecta aos investimentos financieiramente sostibles de carácter social contémplanse as obras de melloras de accesibilidade e seguridade vial en accesos a centros sociais nas rúas Foro, Río Sil e Río Masma, entre outras, por importe de 97.309,11 euros; reforma de elementos de accesibilidade e seguridade vial na rúa Concepción Arenal e na Praza da Gándara, valoradas en 92.990,91 euros; traballos de adaptación en vías de evacuación nos pavillóns polideportivos de Campo da Serra, As Lagoas e Piñeiros, orzamentados en 49.092,24 euros; o acondicionamento da praza do colexio de Xuvia, por 95.449,68 euros e actuacións de reforma e mantemento no Auditorio, no Pazo da Cultura e na Casa da Cultura, valoradas en 163.237,60 euros. En total, as actuacións contempladas neste apartado ascenden a 498.079,54 euros.

A maiores destes investimentos executaríanse con cargo ao PAS 2015 melloras de seguridade vial na travesía Garda Civil, María Vieito e rúa Neda, por importe de 32.055,28 euros; e melloras de eficiencia enerxética na iluminación pública das Vivendas da Marina e no seu contorno -184.999,32 euros- e nas Vivendas do Bispo e nas rúas Concepción Arenal e Bispo Argaya -114.998,40 euros-. Neste segundo apartado doutros investimentos financieiramente sostibles investiríanse 332.053 euros.

Ademais da aprobación da participación no Plan de Acción Social 2015 da Deputación da Coruña saiu adiante o Plan complementario no que figura o proxecto de acondicionamento de pasos peonís nas avenidas das Solaina e Souto Vizoso e na Gándara, por importe de 43.799,10 euros.

14 de decembro de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.