O Goberno de Lugo advirte de que paralizar o PXOM como propón ACE “é ilegal”
O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo é “totalmente transparente, rigoroso, lexítimo e legal”, cumprindo “en todos e cada un dos seus pasos” o procedemento establecido e as indicacións da Xunta de Galicia, a administración “que tutela, fiscaliza e aproba” o documento urbanístico, subliñou este luns o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro.
Piñeiro cualificou de “sumamente irresponsable” propoñer, como fixo o edil de ACE, que o Pleno paralice o PXOM, “sobre todo porque é ilegal e, de facelo, calquera podería denunciar ao Concello por prevaricación, pois trátase dun documento aprobado que temos a obriga de aplicar”.
O Concelleiro considerou así mesmo “dunha imprudencia desconcertante” que se trate de extrapolar a Lugo a anulación do PXOM de Vigo “porque son procesos distintos, non comparables, e porque non hai ningún recurso contra o plan de Lugo baseado na suposta falta dunha avaliación ambiental estratéxica”.
O Goberno esixiu, unha vez máis, “seriedade e responsabilidade” para “non crear falsas alarmas en cuestións tan determinantes para a cidade como é o instrumento de desenvolvemento urbanístico da cidade, cando ademais non existen razóns reais nin obxectivas para facelo”.











