O goberno de Ames dedicará 614.823 euros á mellora de varios camiños municipais e a dotar de saneamento a varios lugares do rural
Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras Públicas, Blas García, visitaron unha obra de mellora dun camiño que se está executando no lugar da Ventosa, pertencente á parroquia de Covas. Estes traballo sufráganse con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña do ano 2015.
O goberno municipal presentará mañá nun pleno extraordinario unha proposta que inclúe varios proxectos de saneamento e mellora de camiños con cargo ao novo Plan de acción social (PAS) 2015 e ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2016. José Miñones afirmou que ”este governo, tal e como levamos repetindo reiteradamente’ apostará firme e claramente polo saneamento ao longo destes catro anos de mandato”. O alcalde declarou que as obras que se levarán a cabo en distintos puntos do municipio “son unha proba desta aposta”.
No camiño de Foxos, no lugar de Ventosa, cuxas obras recibiron a visita do alcalde e do concelleiro, de Obras Públicas estase a proceder á mellora da drenaxe pluvial soterrando en certos tramos a canalización a través de tuberías de PVC. Nos tramos nos que non se empregue este tipo de canalización construiranse dúas cunetas de formigón. Unha barandilla de madeira separará o camiño de Foxos dun regato. O firme de todo o camiño, que se atopaba seriamente deteriorado, tamén será reparado. O muro de terra que se atopaba nunha das beiras do camiño está sendo substituído por un muro de canteiría, para evitar derrubes. O trazado no que se están a realizar estas melloras cubre aproximadamente 51 metros de camiño.
Asemade, o Concello de Ames dedicará 614.823 euros á mellora de varios camiños municipais e para dotar de saneamento a varios lugares do rural. Estas obras sufragaranse con cargo ao Plan de acción social (PAS) 2015 e ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2016.
Dentro do POS 2016 están incluída unha obra para dotar de saneamento ao lugar de Castrigo, en Ortoño, que conta cun presuposto de 287.698,90 euros. O proxecto desta obra recolle unha obra que abranguería unha lonxitude de 2.295 metros cun total de 90 pozos de rexistro dos cales 41 son estancos. Para a conexión coa rede xeral será necesario a execución dun pozo de bombeo en formigón.
Ademais,no PAS recóllense dúas obras para dotar de saneamento ao núcleo de Portanxil, que conta cun orzamento de 139.931,94 euros, e ao lugar da Ventosa, que ten un custo de 62.549,18 euros. Deste xeito, o Concello investirá preto de 500.000 euros en obras de saneamento.
O proxecto de Portanxil recolle que hai que instalar unha canalización de 2.352 metros de tubería PVC (2.100 serán de 250 milímetros e os restantes 252 metros de 160 milímetros de diámetro), así como a execución de 51 pozos de rexistro en calzada e 42 arquetas de saneamento. Os traballos no lugar da Ventosa consistirán na instalación dun colector de saneamento que conecte coa rede xeral.
Por outra banda, no POS complementario de 2016 inclúese un obra para dotar de saneamento ao núcleo de Susavila de Carballo por valor de 92.889,93 euros. Neste caso o proxecto recolle a canalización de 1.683 metros de tubería PVC dos que 1.575 serán de 250 milímetros e os restantes 108 metros de 160 milímetros, así como a execución de 36 pozos de rexistro e 18 arquetas para saneamento.
Por último, hai que destacar que de cara ao vindeiro ano dende o goberno municipal teñen a intención de arranxar o colector de saneamento do lugar de Trasmonte, que leva sen utilizar dende o ano 2009 por un problema de caída de pendente. Esta obra será financiada pola UTE que xestione o ciclo integral da auga. Tamén se pretende poñer en funcionamento a rede de saneamento de Oca, que xa está rematada, e a rede de saneamento de Novais e Gasamáns que están sen enerxía eléctrica.
Mellora de camiños rurais
o POS 2016 hai incluídos dous proxectos de mellora de camiños do rural. Por unha banda, un destes proxectos recolle a pavimentación da aldea de Mámoa e os seu interior (Tapia) e a pavimentación do interior do lugar de Barreiro, no Bugallido, por un importe de 59.771,71 euros. Outro dos proxectos que se recolle é a mellora das capa de rodaxe da rúa Lodeiro e a mellora do camiño que vai dende Cruxeiras ata o entorno da igrexa de Ames. Este proxecto conta cun orzamento de 64.872,11 euros.
No POS complementario tamén se inclúen dous proxectos para executar os traballos de mellora do camiño que vai dende Pousada ata a Capela de San Xoanciño e a pavimentación no interior da aldea de Sisalde, en Ortoño (52.061,36 euros), e a mellora do camiño que vai de Oca ata A Igrexa (126.365,52 euros).











