O evento para facer visible o fenómeno migratorio Ourense Acolle celébrase o venres no Auditorio
Para celebrar o 18 de decembro, Día Internacional das Migracións, o Auditorio Municipal acollerá por vez primeira o acto Ourense Acolle, unha iniciativa impulsada desde a Concellería de Asuntos Sociais na que se quere homenaxear o traballo solidario de diferentes asociacións e facer visible as experiencias de vida das persoas do Programa municipal de Inmigrantes e Emigrantes Retornados. Ourense Acolle quere ser así “o altofalante das máis de 3.000 persoas de 40 países que viven actualmente na cidade e recordar que todos somos iguais, algo que por outra parte está recollido na lei”, en palabras da concelleira Sofía Godoy.
O acto comezará ás 10:00 horas e será conducido por Mohamed, o técnico responsable das aulas de apoio a inmigrantes. A posta en escena, sinxela pero emotiva, constará dunha árbore na que os nenos de diferentes nacionalidades irán colgando os seus nomes, construíndo así un mural intercultural que dá conta da variedade procedencias dos inmigrantes na cidade. As actuacións musicais virán da man dos grupos Alma Llanera e Saman Ensemble (Venezuela) e Mira (Colombia), representando a dúas das asociacións máis activas xunto coa Fundación Juan Soñador e a Asociación AISO de Senegal.
Precisamente con acento senegalés será a experiencia de vida que se relate nun dos actos máis intensos da gala: unha nai e unha filla contarán a experiencia do reagrupamento familiar sobre o escenario, coa intención de reclamar o dereito de todo inmigrante a reunirse coa súa familia. Tamén haberá regalos para os nenos das aulas de apoio que realizaron o mural, un bono regalo para trocar por material escolar, unha das principais deficiencias que detectan os servizos de Asuntos Sociais do Concello.
Ao remate do acto, todos os participantes realizarán unha cadea humana desde a sala principal ata o primeiro piso do Auditorio, onde a Fundación Juan Soñador colocará a exposición fotográfica ‘La mirada también habla’.
Actualmente, son 3.106 as persoas que forman o censo de inmigrantes na cidade contra os 3.500 que o formaban en 2014. “Existe unha tendencia á baixa porque hai moito retorno voluntario”, apuntaba Clara Moure, traballadora social responsable do Programa de Inmigración no Concello de Ourense. Por lugares de procedencia, Brasil é o país con máis censados entre os latinoamericanos, seguido de Colombia, Venezuela ou a República Dominicana, mentres que Marrocos lidera os africanos seguido de Senegal. “Por colectivos, os subsaharianos seguen a ser os que máis dificultades teñen pola discriminación por raza ou relixión”, comentaba Moure.











