O DOG publica o inicio do trámite de información pública do proxecto de mellora do trazado da estrada Fene-Mugardos, en Fonte Grande
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de mellora do trazado na AC-133, no Concello de Mugardos. O citado proxecto de construción sométese a información pública durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas, observacións relativas ao trazado da estrada. Tamén se somete a consulta a efectos do procedemento expropiatorio dos terreos necesarios para a execución das obras, polo que se publica ademais a relación de bens e dereitos afectados.
O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, financiará estas actuacións para as que se destinará unha achega económica de preto de 200.000 euros.
Este proxecto de construción ten por obxecto a mellora do trazado da estrada AC-133, entre o p.q. 9+600 e o 10+000, no termo municipal de Mugardos, coa finalidade de aumentar a seguridade, eficacia e comodidade da circulación na vía proxectada, así como ordenar e regular o tráfico rodado.
As actuacións incluídas no presente proxecto consisten na ampliación dos radios de dúas curvas sucesivas existentes en Fonte Grande, situadas no p.q. 9+820 e no 9+870, modificando o trazado actual da estrada AC-133 nunha lonxitude de 177 metros.
A Xunta, coa execución destas obras, dá cumprimento a unhas actuacións moi demandadas polos veciños da zona. Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas resolve carencias nas infraestruturas viarias, mellorando a calidade de vida dos cidadáns.