publicidade hoxe

O CR Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia participará nunha cata maridaxe con repostaría este domingo en Melide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelide
A-
A+

O Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia participará este domingo nunha cata maridaxe con repostaría tradicional da Terra de Melide. Esta colaboración súmase á xa realizada o pasado mes de novembro con motivo das III Xornadas de Degustación e Maridaxe celebradas en Cambados.

O acto inclúese dentro do amplo programa de Manxares, Feira Agroalimentaria de Galicia, que se desenvolverá os días 12 e 13 de decembro no Palacio de Congresos do Concello de Melide. En concreto, esta cata maridaxe terá lugar ás 11.00 horas do domingo 13. Para iso, disporase dun espazo habilitado especificamente para este fin.

A vocal e integrante do panel de cata do CR, Sonia Otero, e o presidente da Asociación da Repostaría Tradicional Melide Terra Doce, Alberto Rodríguez, serán os encargados de dirixir este taller. A sesión é de carácter gratuíto e conta cunha trintena de prazas. Para inscribirse, só hai que porse en contacto co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla Tambre Mandeo a través do teléfono 981 511 377.

Na sesión daranse a coñecer as principais características dos produtos amparados polo Consello Regulador (Augardentes de bagazo, envellecida e de herbas e licores de herbas e café) e a súa versatilidade á hora de maridar coas sobremesas tradicionais da Terra de Melide (melindres, ricos e almendrados). A sesión dirixida por Sonia Otero e Alberto Rodríguez estenderase aproximadamente unha hora.

Esta actividade tamén se inclúe dentro dos deberes que a vogal do Consello Regulador ten como Embaixadora do Melindre. Otero foi investida como tal na celebración da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional de Melide o pasado mes de maio. No acto, comprometeuse a promover actividades nas que se puxese de manifesto a calidade dos produtos deste municipio en combinación coas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

9 de decembro de 2015 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.