O Consello de Igualdade de Bueu decide homenaxear ás mulleres costureiras o 8 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Consello da Igualdade reuniuse este luns entre as 10 e as 11 horas no salón de plenos para debater sobre as propostas do colectivo a homenaxear o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Nela acordouse que o colectivo a homenaxear será o das mulleres costureiras, que traballaron e desempeñaron o seu oficio a pesar das dificultades, seguindo co modelo implantado desde o 2004 e que foi pensado pola concellaría de Igualdade, dirixida por Ana Isabel Otero. No entanto, de cara ao 2016 vaise estudar a inclusión dunha nova sección dedicada a mulleres que desempeñan determinados oficios a día de hoxe, coma unha “forma de abrir esta iniciativa ao presente” en palabras do alcalde, Félix Juncal. Neste sentido, Carlos Eirea, concelleiro de cultura, falou dun “novo ciclo” no que é necesario recoñecer a actividade das mulleres dea actualidade ademais das do noso pasado.

Os asistentes puxeron enriba da mesa algunhas das propostas que traían pensadas, as cales se terán en conta para vindeiras edicións. Tal é o caso de Julio Villanueva, voceiro de SON, que propuxo un recoñecemento a todas as mulleres de mariñeiros de altura que desempeñaron esa labor de amas de casa, educadoras dos fillos e traballadoras. Na mesma tónica foi a proposta de Berta Pérez, voceira do PP, que salientou o papel das mulleres emprendedoras nos diferentes oficios, mentres que o voceiro do PSOE, traía pensada a proposta de homenaxe ás costureiras.

Na reunión estiveron presentes representantes de colectivos veciñais, de centros educativos, de asociacións de mulleres e dos voceiros dos grupos políticos do BNG, PP, PSOE e SON, ademais da concelleira de igualdade e a técnica do CIM, que debateron arredor das propostas e dos posibles nomes das homenaxeadas, cos que se elaborará un documento e se convocará de novo o Consello da Igualdade a comezos do novo ano.

IX Campaña de Educación Non Sexista

Complementaria a esta actividade, mañá martes en torno ás 13.15 horas do mediodía, no IES Johán Carballeira, o Concello acollerá a presentación da IX Campaña de Educación Non Sexista, na que se dará a coñecer o calendario coa imaxe gañadora do certame deste ano de “A igualdade no traballo”, que corresponde a Gabriel Oliveira Carballo.

14 de decembro de 2015 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.