O Concurso de Escaparatismo de Nadal escollerá o gañador por votación popular entre cinco finalistas
A Concellería de Emprego e Economía Social vén de anunciar que o Concurso de escaparatismo Nadal 2015 para o comercio local xa os ten establecementos finalistas. O xurado, formado unha persoa do equipo técnico do Concello e dúas en representanción da empresa Premium Escaparatismo, seleccionou cinco escaparates para a fase final entre os 77 participantes nesta edición. Agora será a veciñanza a que escolla o gañador a través da votación popular na páxina web www.concursoescaparatismo.com , onde poderá consultar os escaparates desta convocatoria. Entre todas as persoas que envíen o seu voto entre hoxe, mércores 16, e o día 30 de decembro, sortearase un vale de compra de 300 euros que poderá ser empregado en calquera dos comercios participantes.
Os establecementos finalistas do concurso recibirán un premio de 1.000 euros e as asociacións de comerciantes ás que pertencen 500 euros. Os cinco comercios son os seguintes: Amador Motor (Asociación Empresarios 15002); Floristería Fina (Agrupación de Veciños e Comerciantes de Monte Alto); Jerry, the Candyman (Área Comercial Obelisco); Trés Jolie Boutique (Área Comercial Obelisco), e Bella con B (Asociación de Comerciantes Área Comercial As Conchiñas).
Na primeira metade do mes de xaneiro darase a coñecer o establecemento gañador do Concurso de Escaparatismo de Nadal, que recibirá 2.000 euros como premio.











