O Concellode Vigo abre un Circo de Nadal especial polo vixésimo aniversario de La Fiesta Escénica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioVigo
A-
A+
Presentación do Circo de Nadal

Presentación do Circo de Nadal

O concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, e a edil de Festas, Laura Iglesias, presentaron este luns xunto ao responsable de La Fiesta Escénica, Abel Martín, o Circo de Nadal, que por quinto ano consecutivo acolle a cidade de Vigo dentro da programación municipal. O espectáculo, de dúas horas de duración, arranca este venres en Coia co principal atractivo dos osos animatrónicos e artistas internacionais de renome.

Este venres, 18 de decembro, o Concello de Vigo e La Fiesta Escénica arrancan co Circo de Nadal, que chega á cidade por quinto ano consecutivo nunha edición especial polo vixésimo aniversario da compañía. A carpa climatizada estará localizada na Avenida de Castelao, en Coia, onde o espectáculo ofrecerá pases ata o próximo 10 de xaneiro.

Tanto Rodríguez como Iglesias salientaron a consolidada traxectoria na cidade do Circo de Nadal, a variedade de propostas circenses que ofrece e a singularidade dun espectáculo único e integramente de Nadal, con coidadas estética e escenografía. As entradas xa están a venda en www.circodenadal.com con prezos inferiores para os menores de 11 anos e ata un 20% de desconto en venda anticipada.

Polo vixésimo aniversario da compañía, o Circo de Nadal presentará un espectáculo único no que destacan os osos animatrónicos como un dos seus principais atractivos, ademais de contar cos números máis sorprendentes grazas á participación de artistas de renome internacional procedentes de Canadá, Mongolia, Brasil, Rusia, Alemaña e Italia, xunto ás principais figuras da escena circense galega.

O Circo de Nadal da Festa Escénica dálle un xiro aos espectáculos do Nadal, cunha proposta sorprendente e chea de enerxía, que destila surrealismo, harmonía e unha chea de momentos máxicos para volver velo todo coa mirada dos máis pequenos. A súa excepcionalidade baséase nunha escenografía especialmente deseñada para a ocasión, un vestiario elaborado con minuciosidade, unha luminotecnia coidada con tecnoloxía de última xeración e un dominio profundo das disciplinas circenses máis variadas.

14 de decembro de 2015 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.