O Concello prepara o “Carballo do futuro” coa estratexia DUSI de fondos europeos
Os voceiros de todos os grupos políticos municipais veñen de manter unha xuntanza na que se abordou a participación de Carballo na Estratexia de fondos europeos “DUSI (Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado) – Carballo Sostible e para todos”. Trátase dunha proposta para crear unha cidade limpa, sustentable e inclusiva, na que todos os seus habitantes poidan gozar dela tendo como data límite o ano 2022. Para iso, articularanse actuacións ao redor de retos económicos, ambientais, climáticos, demográficos e sociais. Así, entre outras, buscaranse medidas para o fomento do emprego e o impulso dos emprendedores e emprendedoras, mellorarase o acceso ás novas tecnoloxías da información e da comunicación, implantarase un Plan de Mobilidade Urbana sustentable, buscarase a mellora da eficiencia enerxética e promoverase unha rede comercial e de empresas baixa en carbono, crearase un programa de protección do medio ambiente e do patrimonio, crearanse plans para mellorar a calidade do aire e reducir o ruído urbano ou favorecer a inclusión dos colectivos menos favorecidos. Como parte da EDUSI, o Concello de Carballo tamén pide a colaboración de toda a veciñanza a través dunha campaña para recoller as súas opinións. Baixo o lema “Opina e constrúe o Carballo do futuro” anima aos veciños e veciñas a que participen até o luns 28 de decembro a través do correo <carballodofuturo@gmail.com>, en Facebook clicando aquí ou no Twitter <@carballo_gal> co hashtag #carballodofuturo.
Os veciños e veciñas poderán responder coas súas ideas a cuestións relativas a como ven o Carballo do futuro ou que ideas teñen para facer un Carballo sostible e para todos e todas. Respecto dalgunhas das estratexias concretas de futuro que formula o proxecto EDUSI, hai que mencionar a de desenvolver o emprego local con iniciativas que axuden a mellorar a competitividade das pemes, como a promoción do emprendemento ou o apoio para crecer en mercados rexionais, nacionais e internacionais. Mellorar o acceso, uso e calidade das tecnoloxías da información e da comunicación, promovendo a participación cidadá e a democracia participativa a través de instrumentos de e-administración. Fomentaríase a dixitalización dos recursos e patrimonio turístico. Para favorecer o paso de Carballo a unha economía baixa en carbono promoveríase a implantación dun Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, con máis rúas peonís a creación de carrís bici ou a inclusión de puntos de recarga de vehículos eléctricos, entre outras actuacións. Buscaríase a mellora da eficiencia enerxética co programa Carballo Carbón Neutral para a mellora da eficiencia enerxética en todos os edificios municipais e para crear unha rede de comercio e empresas cara a unha economía baixa en carbono co uso dunha plataforma informática para a medición de consumos enerxéticos.
Traballo coa cidade, coa veciñanza e co patrimonio
Con respecto ás prioridades de investimento nos campos de medio ambiente e patrimonio, estudaríase a creación do programa “As raíces de Carballo”, para o desenvolvemento e promoción de activos turísticos urbanos, que incluiría ademais algunha rehabilitación patrimonial, ademais de desenvolverse unha acción integrada de rehabilitación da cidade e de mellora da súa contorna e medio ambiente. Dentro do plan Carballo Limpo incluiríanse plans de mellora da calidade do aire urbano e de redución do ruído urbano. Por outra banda, para lograr que sexa un “Carballo para todos” perseguirase a inclusión real a todos os niveis de grupos desfavorecidos do municipio ou as persoas con discapacidade con especial atención ao fomento do emprego ou a alfabetización dixital destes colectivos. O Concello anima a toda a veciñanza a que achegue as súas ideas para favorecer a mellora e posta en marcha de todo tipo de actuacións para construír o Carballo do futuro.