O Concello de Ourense reparte 25.000 euros en axudas entre 60 deportistas de modalidades individuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Consello Municipal de Deportes entregou hoxe, no Auditorio Municipal, un total de 60 bolsas de axuda económica a deportistas que practican deportes individuais por un importe de 25.000 euros. Os deportistas, que practican modalidades que van desde o atletismo ou a natación, en todas as súas variantes, até o tiro olímpico, o tenis, o taekwondo ou o wushu, optaban recibiron da man do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e do concelleiro de Deportes, Mario Guede, os diplomas acreditativos.

“Como en calquera ámbito da vida, pero sobre todo no deporte, e máis aínda no deporte de competición, a constancia no traballo e a disciplina son as mellores bases sobre as que contruír unha sólida carreira”, comentaba o alcalde no acto de entrega das bolsas aos deportistas. Desta forma, animou os deportistas a seguir superándose cada día pero sen descoidar a súa formación académica ou profesional: “Non só importa chegar o primeiro”, dixo, “o voso futuro ten que ir medrando ao tempo que os vosos logros deportivos”.

Os deportistas, segundo os baremos establecidos polo Consello Municipal de Deportes de Ourense, optaban a bolsas de contías de entre 300 e 1.000 euros. Para optar a esta liña de axudas, que complementa ás axudas a entidades deportivas que se aprobaron recentemente -repartindo máis de 600.000 euros entre máis de 50 equipos de Ourense- debían reunir os seguintes requisitos: estar empadroado en Ourense, dispoñer licenza en vigor nalgunha Federación Deportiva Galega cun ano de antigüidade, non estar cumprindo sanción por infracción disciplinaria e non incumplir incompatibilidades con outras subvencións concedidas por outras administracións.

15 de decembro de 2015 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.