O Concello de Ourense implícase na loita contra a SIDA cunha axuda de 27.000 euros para o Comité Cidadán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Unha representación do Concello de Ourense, con asistenza dos diferentes partidos da corporación encabezados pola concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, asistiu esta mañá ao acto conmemorativo do Día Mundial da loita contra a SIDA. Organizado polo Comité Cidadán Anti-Sida de Ourense, o acto consistíu na lectura dun manifesto xunto á estatua de Eduardo Blanco Amor na praza de Bispo Cesáreo, engalanada cun lazo vermello, e no que Jesús Apolinar Álvarez, presidente do Comité na cidade, solicitou a axuda dos diferentes estamentos implicados para que a loita contra a enfermidade non decaia agora que “en Galicia xa desapareceron dous Comités Anti Sida [Lugo e Santiago] e casas de acollida [Vigo]”.

O propio Concello de Ourense vén de aprobar unha axuda de 27.000 euros para o exercicio 2015 do Comité Cidadán Anti-Sida de Ourense (que deben sumarse aos 37.000 euros que se reparten Proyecto Hombre e ATOX) desde Asuntos Sociais, o departamento de Sofía Godoy, unha axuda que pretende paliar o déficit orzamentario da institucuión, con problemas para sufragar os gastos de traballadores e para unha casa de acollida que lle dá cobixo a 8 persoas e leva en funcionamento dúas décadas.

Xunto á lectura do manifesto, Jesús Apolinar Álvarez quixo destacar que o síndrome VIH é unha “enfermidade entra baixo control médico actualmente, pero existen grupos marxinais, que viven na rúa, con grande risco de contaxio polos seus hábitos”. “A Sida pódese previr”, dixo, pero é necesario “que se siga traballando desde o ámbito da divulgación”. 

1 de decembro de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.