O Concello de Ourense contrata a cabalgata de Reis cun aforro de 40.000 euros respecto do ano pasado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, correspondente ao mércores 23 de decembro, aprobou a contratación definitiva dos servizos de dirección artística e da construción das carrozas para o desfile por un importe de 95.847’5 euros, dos que 59.850 euros corresponden ao deseño e dirección, e 35.997’50 euros. Este montante supón preto de 40.000 euros de aforro respecto do ano anterior para unha cabalgata que será vista por todos os galegos xa que será retransmitida pola canle autonómica. Foi este un dos asuntos tratados fóra da orde do día, xunto á recepción da ordenación decrecente das ofertas presentadas para a contratación do proxecto de acondicionamento e renovación do firme na praza das Eiroás e rúa do Pazo.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, deu conta en rolda de prensa posterior do resto dos asuntos. Ademais de 3 notificacións de índole xurídica que afectan ao Concello, a Xunta de Goberno aprobou un expediente de licenza urbanística para a rehabilitación e ampliación dun edificio de vivendas en Cardenal Quevedo 25, e notificou 2 denuncias por disciplina urbanística: unha efectuada pola propia Policía Local sobre unhas obras ilegais en Licenciado Molina 18 (no barrio do Vinteún), e outra polo mal estado dos baixos da rúa Quince 6, en Barrocás, cuxo propietario será sancionado e obrigado a subsanar os defectos polo risco de caída de elementos á rúa.

No referido ao apartado de xestión urbanística, a Xunta de Goberno Local estimou parcialmente un recurso da Diócese de Ourense relativo á reparcelación da Unidade de Actuación de ‘A Trinidade’ do PEPRI do Casco Histórico. Trátase dun erro na cadea de notificación: desde o departamento de Urbanismo volverase anexar un informe técnico no que especificaban unha serie de parcelas que, segundo a Diócese, non estaban notificadas. O proceso continuarase con total normalidade.

Patrimonio

No referido ao patrimonio, 3 asuntos: Desestimouse unha reclamación de responsabilidade patrimonial por lesións sufridas logo dunha caída na Avenida de Celanova e, por outra banda, arquivouse outra reclamación por unha caída no Xardín do Posío. Dentro do mesmo apartado, estimouse a petición de responsabilidade patrimonial da empresa EROSKI por danos e perdas sufridos por mor da anulación da licencia de obra e actividade (derivada da caída do PXOM en 2010). Estes danos están valorados polo Consello Consultivo de Galicia (do mesmo xeito que no caso de Hipercor) en 518.468’15€ en concepto de honorarios de proxecto e taxas de tramitación.

Contratación

A Xunta de Goberno Local segue aprobando, na liña das últimas reunións, expedientes para contratar, mediante procedemento aberto, arrendamentos de inmobles por catro anos (2016/2019) para a cesión do seu uso asociacións de veciños. O importe total dos cinco arrendamentos aprobados hoxe ascende aos 133.996’60 euros para os vindeiros anos repartidos do seguinte xeito: AVV Polvorín, 4 anualidades de 5.539,57 €, 22.158,28 € total; AVV Parque Barbaña, 4 anualidades de 9.897,49 €, 39.589,96 € total; AVV Peliquín: 4 anualidades de 4.214’10 €, 16.856,40 € total; AVV Portovello – As Lagoas, 4 anualidades de 7.493,42 €, 29.973,68 € total; e AVV Quince de Agosto, 4 anualidades de 6.327,07 €, 25.308,28 € total.

Neste mesmo eido, corrixiuse un acordo da Xunta de Goberno da pasada semana referido a estes arrendamentos no que non estaba especificada a partida orzamentaria á que ía dirixida.

Logo de dar conta destes asuntos de Xunta de Goberno Local, o alcalde falou doutros asuntos de actualidade municipal.

23 de decembro de 2015 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.