publicidade hoxe

O Concello de Mos decreta tres días de loito oficial pola morte violenta dunha veciña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Europa Press

O Concello de Mos (Pontevedra) decretará tres días de loito oficial polo falecemento de Marina R.B., de 69 anos de idade, que apareceu morta na cociña da súa vivenda da parroquia de Tameiga con, polo menos, un golpe na cabeza. A Corporación de Mos, encabezada pola alcaldesa Nidia Arévalo, celebrará este mércores ás 19.00 horas un Pleno extraordinario para aprobar unha declaración institucional de repulsa por esta morte, que consideran un “asasinato por violencia de xénero”.

Tras o Pleno, terá lugar unha concentración silenciosa na Praza do Concello, e a rexedora lerá un comunicado de condena por esta morte e de repulsa cara a todo tipo de violencia. Así mesmo, decretaranse tres días de loito oficial, polo que o Concello de Mos suspenderá todo tipo de actos institucionais até o próximo 2 de xaneiro, incluído.

O marido da vítima, F.A.C., de 71 anos de idade, presentouse na noite do martes no Cuartel da Garda Civil para denunciar que atopara morta á súa muller. Poucas horas despois, foi detido pola súa suposta vinculación con estes feitos.

O home permanece en dependencias policiais, á espera de ser posto a disposición xudicial, previsiblemente o xoves. A instrución deste caso corre a cargo do xulgado número 2 do Porriño (Pontevedra).

Por outra banda, fontes xudiciais confirmaron que a vítima presentou unha denuncia contra o seu marido en 2014 por uns supostos malos tratos. Naquel momento, tras a toma de declaracións, as dilixencias transformáronse nun xuízo de faltas por insultos, no que a muller retirou a denuncia, polo que o caso foi arquivado.

Se se confirma que o de Mos se trata dun crime machista, a vítima sería a sétima muller asasinada en Galicia por violencia de xénero.

30 de decembro de 2015 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.