publicidade hoxe

O Concello de Mos aprobará provisionalmente o seu PXOM neste mes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Urbanismo mosense, Julia Loureiro, anunciaron esta mañá durante unha reunión celebrada no Concello con representantes dos distintos grupos políticos integrantes da Corporación Municipal, a próxima aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no Pleno Ordinario do presente mes de decembro que se celebrará o vindeiro día 30.

As representantes municipais explicaron durante a xuntanza de hoxe que, “tendo en conta que se trasladou por parte da consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia o último documento do PXOM relativo á memoria ambiental, o Pleno municipal aprobará provisionalmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal no vindeiro Pleno Ordinario do mes de decembro do ano en curso, polo que se comunica que, a partir do vindeiro día 21 de decembro, estará a disposición dos veciños e veciñas no semisoto do edificio de Urbanismo (de 9 a 14 horas e de 16 a 20 horas) para as oportunas consultas”.

Coa boa nova do informe autonómico favorable á memoria ambiental, Mos pode xa aprobar provisionalmente o seu Plan Xeral antes de que remate o ano 2015; feito ante o que rexedora local e edil de Urbanismo maniféstanse “altamente satisfeitas”.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, celebraba hoxe o punto no que se atopa o Plan Xeral de Ordenación Municipal, que xa chegou á súa recta final. A rexedora local mosense asegura que “cumprimos cos prazos do PXOM tendo a Memoria Ambiental rematada dende principios deste ano”.

E é que o que retrasou o proceso foi a eliminación de 3 kilómetros da autovía, algo que non se podía reflectir no Plan mentres non estivera publicado no BOE (Boletín Oficial do Estado). Este tramo eliminado afectaría a varios dos principais núcleos poboacionais de Mos ó longo dunha distancia de 3 kilómetros, que chegaría ata a zona de Os Molinos; e coa súa eliminación eliminouse tamén dita afección.

A este respecto Arévalo manifestouse satisfeita e orgullosa, xa que “o Ministerio de Fomento por fin nos escoitou e fomos capaces de evitar unha nova autovía que volvería cercenar a Mos, pero eliminar unha infraestrutura viaria desta envergadura non é tarefa fácil e o procedemento levou un tempo que non puidemos obviar pero que mereceu a pena”, explicou a alcaldesa.

15 de decembro de 2015 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.