O Concello de Lalín recórdalle aos clubs que está aberto o prazo para solicitar as axudas da deputación para material deportivo
O concelleiro de Deporte, Nicolás González Casares, recordou hoxe que se mantén aberto o prazo para solicitar as axudas da Deputación destinadas á adquisición de material deportivo por parte dos clubs de concellos de menos de 50.000 habitantes.
Poderanse beneficiar desta convocatoria todos os clubs federados inscritos no Rexistro de Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia. As solicitudes deberán ir dirixidas á Deputación, segundo o modelo que figura como Anexo II nas bases da subvención, que se poden consultar e descargar da páxina www.boppo.depo.es. O documento debe entregarse nos rexistros do organismo provincial no prazo de 10 días naturais a contar dende o día de mañá, e as resolucións faranse públicas 10 días despois a partir do día seguinte da finalización do prazo.











