O Concello de Lalín iniciará o proceso de peonalización contando con apoio de veciños, comerciantes e hostaleiros

Reunión sobre a peonalización
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, amosou hoxe a súa satisfacción polos resultados do encontro mantido onte pola noite con veciños, comerciantes e hostaleiros para ultimar os detalles do inicio do proceso de peonalización das rúas Principal e Joaquín Loriga. A data prevista para o peche destas rúas ao tráfico é o 22 de decembro, o mesmo día no que está previsto que se reabra o parking Aldea Grande, despois da súa adquisición por parte do Concello.
Estes días, precisamente, están a rematar os traballos de acondicionamento do aparcadoiro subterráneo coa súa limpeza e coa colocación dos sistemas de seguridade e acceso. Tamén se repararon xa os desperfectos que tiñan algúns dos portalóns de entrada e se procedeu á actualización da sinalización interior.
O rexedor realizou esta mañá unha visita ás instalacións para comprobar o estado das actuacións que avanzan segundo o ritmo previsto. Agárdase ter todo listo para que a reapertura do parking Aldea Grande se poida realizar sen problemas no día previsto, aínda que Rafael Cuíña insiste en que “queremos que todo funcione de maneira perfecta, polo que se houbese algún problema loxístico, por pequeno que fose, non me importaría aprazar uns días a apertura do aparcadoiro e o inicio da peonalización”.
Ambos feitos -reapertura e peonalización- deben producirse de forma coincidente no tempo para dar unha alternativa á eliminación de prazas de aparcamento en superficie que implicará o peche ao tráfico rodado da rúa Principal e Joaquín Loriga.
A continuación debúllanse as características específicas de cada un destas medidas.
Sentido da circulación
A opción escollida, co consenso maioritario dos veciños e comerciantes e tras escoitar as súas opinións é deixar a rúa Calvo Garra de baixada -tal e como está agora mesmo- e cambiar o sentido da saída cara a rúa Principal. Desta maneira o tráfico pasaría a saír cara a dereita en dirección á Fonte dos Cabalos, con aparcamentos como se ve como se ve no plano adxunto. O acceso de vehículos autorizados ás rúas peonís sería pola Joaquín Loriga, en sentido contrario ao actual, con saída cara a praza da Igrexa e rúa Colón.
Por outra banda, a circulación pola rúa do Regueiriño e pola Praza do Concello, vieiros que se encontran a carón da futura Biblioteca Municipal, será dun único sentido. En concreto, permitirase que os vehículos roden en dirección de baixada e inhabilitarase o carril de subida.
Valado para limitar o acceso
O peche ao tráfico das rúas principal e Loriga non conlevará a realización de ningunha obra; tan só a colocación dunha valado na intersección das rúas Principal e Calvo Garra e que será a que limite o acceso de coches. Con este sistema, de peche e apertura moi sinxelo, tamén se garante que o acceso de vehículos autorizados se poida realizar sen dificultades.
Carga e descarga
Mantéñense os mesmos horarios de carga e descarga e as zonas habilitadas a tal fin, polo que a peonalización non lle provocará ningún problema loxístico aos establecementos da zona. Ademais -durante as primeiras semanas e á espera de que culmine ao proceso de adaptación ao novo entramado urbano- haberá flexibilidade no control das paradas por carga e descarga.
Vehículos autorizados
Por suposto, tamén está autorizada a entrada de taxis e de vehículos de emerxencia, que sempre contarán cun carril de 3,5 metros de ancho para poder desenvolver as súas funcións sen impedimentos de ningún tipo.
Colocación de terrazas
Para garantir que se cumpren estas medidas de seguridade, as terrazas que se habiliten nas rúas beneficiadas pola peonalización terán que situarse as terrazas situaranse nun só lateral da calzada. E conforme á nova ordenanza de terrazas, se ocupan a calzada, deberán, habilitar unha tarima.
Humanización
A peonalización das rúas Principal e Loriga non é un simple peche de rúas ao tráfico rodado. O seu gran obxectivo é facer as rúas máis atractivas para a xente e propiciar a reactivación social e comercial da vila. Iso tamén implica medidas de humanización. Entre elas están instalación de bancos para o descanso, colocación de elementos vexetais, como prantas e maceteiros e uso de valados decorativos.
Dinamización socio-cultural
A elección da data para o inicio da peonalización non é casual. Coindicide coa campaña do Nadal, unha das máis importantes dende o punto de vista comercial. Trátase de aproveitar o tirón destas datas para favorecer a afluencia de xente. Con este obxectivo tamén se programan accións de dinamización para rapaces e maiores. As actividades previstas -aínda suxeitas a posibles cambios- son as seguintes:
Todas as actividades terán lugar nunha carpa de 8×12 metros transparente, na que se intervirá nun dos laterais coas creacións que se fagan nos obradoiros.
Martes 22-Decembro: *obradoiro e decoración da carpa*
Contaremos con Barafunda para facer animación de rúa e obradoiros de artiluxios artísticos propios do Inverno e do Nadal que poidan servir para decorar a carpa.
Xoves 24-Decembro: concerto Pitusa Semifusa
Elaboración de xoguetes e instrumentos musicais de madeira: obradoiro de construcción de xoguetes a man con material de refugallo (cana, madeira, fíos,…) para pequenos e maiores.
Domingo 27-Decembro: concerto As Áureas
As Áureas é un grupo de música en auxe hoxe en día. Farán un concerto formato sesión vermouth e haberá unha barra con degustación de cerveza ecolóxica.
Xoves 31-Decembro: espectáculo *Nabiza girl*, de Isabel Risco
Isabel Risco poderá adaptar o seu espectáculo á realidade lalinense e mesmo facer unha especie de repaso aos acontecementos do ano 2015.
Martes 5-Xaneiro: concerto Cé Orquestra Pantasma
Xogos tradicionais: xogos populares e tradicionais para o desfrute das persoas que camiñan pola rúa e queren parar a botar un conto e xogar co fin último de pasar un bo rato e socializar cos veciños, como facían os nosos antergos.
Estas actividades complementarán ao programa do Concello, Nadal Aberto, que se realizará nunha carpa na praza da Igrexa.
Prezos parking
Con ocasión da súa entrada en servizo e coa finalidade de poñer en marcha unha campaña promocional e de fidelización dos eventuais usuarios, establécese que os primeiros 90 minutos serán gratuítos en todo caso. Este réxime será transitorio e irá dende a entrada en vigor da ordenanza ata o día 29 de febreiro de 2016. A partir desa data aplicaranse as tarifas establecidas con carácter xeral pola prestación do servizo, que serán de 1 euro á hora, aínda que se tarifará por minuto consumido segundo a normativa vixente. Contémplanse, ademais, outras modalidades distintas de utilización do servizo de aparcamento, como o abono mensual a 30 euros ao mes ou os vales expedidos para comerciantes que estes poderán facilitar aos seus clientes como medida de promoción do comercio local.
Sinalización parking
Haberá abundante sinalización do parking, pero non só no centro, senón noutros puntos de Lalín, sobre todo nos puntos de entrada á vila, para que a os vehículos que veñan de fóra vaian derivados dende o inicio cara o parking.











