publicidade hoxe

O Concello de Lalín acenderá este venres o alumeado de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Concello de Lalín acenderá o alumeado de Nadal este venres, 11 de decembro, un acto que servirá para dar inicio simbólico á celebración das festas. A súa colocación permitirá encher de luz e cor as rúas da vila nunha época de gran animación social.

Precisamente, un dos obxectivos desta iniciativa é contribuír á dinamización comercial de Lalín, ao tempo que se crea un ambiente festivo que propicie que os veciños se animen a pasear polas rúas do concello nuns días que, ademais, coincidirán co inicio da campaña de Nadal e co da peonalización de parte da rúa Principal e de toda a rúa Joaquín Loriga. Estas dúas rúas, precisamente, permanecerán cortadas durante a xornada de mañá, martes, para proceder á colocación do alumeado de Nadal. Elixiuse unha data festiva para realizar esta colocación co obxectivo de minimizarlle a veciños e comerciantes as molestias derivadas destes traballos. 

En total, o Concello investirá este ano 11.495 euros no alumeado de Nadal, o que supón un aforro de 3.500 euros con respecto á cantidade que se destinou o ano pasado. Con todo, as prestacións e características do alumeado, así como o número de elementos -112 en total- e de rúas que se van cubrir co actual proxecto de iluminación serán semellantes ás do Nadal anterior. 

Ademais, a partir do día 21 de decembro está previsto que se decoren as árbores das rúas Principal e Joaquín Loriga cos traballos realizados polos alumnos e alumnas dos centros educativos de Lalín. Esta iniciativa está impulsada polas ANPAS e o Concello, que financia os custes de material, e  pretende implicar aos máis novos na celebración do Nadal, ao tempo que se busca unha maneira orixinal e atractiva de decorar cada árbore cunha temática diferente.

7 de decembro de 2015 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.