O Concello de Ames recibe os alimentos recollidos nas campañas solidarias do CEIP Agro do Muíño e da Asociación de Veciños das Mimosas
O goberno municipal acudiu ao CEIP Agro do Muíño para recoller unha mostra simbólica dos alimentos recadados neste centro de ensino a través da campaña “Universo Solidario”. O director, membros da ANPA, do profesorado e rapaces e rapazas representantes dos distintos cursos entregaron o inventario de produtos doados. En total, xuntáronse máis de 1.200 unidades de alimentos. Ademais, o Concello de Ames recibiu os alimentos recadados nun mercado solidario posto en marcha pola Asociación de Veciños da urbanización das Mimosas. Son algunhas das iniciativas que agromaron nestes últimos anos no municipio de Ames.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, destacou que “esta iniciativa inclúe ademais unha labor educativa, implicando aos nenos e nenas e explicándolles os motivos polos que se fai a recollida”. Como indica o director do CEIP Agro do Muíño, Ramón Pérez, “non é a primeira vez que realizamos esta iniciativa”. O director explica que “se realiza en colaboración coa ANPA do colexio e do Concello de Ames, ao que se lle doan todos os alimentos recollidos. Ademais, falámoslles aos nenos e nenas sobre a solidariedade, sobre o que implica e sobre como ser solidario e incidimos en que as persoas que poden precisar a nosa axuda non sempre se atopan a centos de quilómetros de distancia”.
Ramón Pérez, director do centro, deu as gracias a todos os participantes: as familias, ao alumnado e a todos os membros do persoal do CEIP Agro do Muíño que tamén se implicaron. As familias recibiron información de parte da directiva e da ANPA para saber que tipo de alimentos doar, despois de recibir as recomendacións do propio Concello. Os alimentos dividíronse en dous grupos: os específicos de Nadal, polvoróns, mazapáns ou turróns, e o resto dos alimentos, como pasta, aceite ou potitos para bebés e produtos de hixiene.
Mercado solidario na urbanización As Mimosas
Por outra banda, a Asociación de Veciños das Mimosas realizou un mercado solidario para recadar alimentos. O presidente desta asociación de veciños, Carlos Nieves, mostrouse satisfeito ante o resultado do mercadiño solidario organizado este ano na urbanización da parroquia de Biduído. Trátase do segundo que fixeron, nesta ocasión o pasado 28 de novembro. “A través desta iniciativa animamos aos veciños e veciñas a buscar por casa aqueles obxectos en bo estado que non precisan: roupa, xoguetes, bicicletas e a etiquetalos cun prezo simbólico”.
“Posteriormente, cos postos montados, os participantes mercaron aqueles obxectos nos que estaban interesados e os cartos recadados empregáronse para mercar alimentos. Os propios veciños e veciñas aportaron ademais alimentos a maiores, que se sumaron aos mercados cos cartos do mercadiño para a súa entrega ao Concello”, explica Carlos Nieves.
O presidente da asociación veciñal explicou que “a iniciativa busca tamén converter o mercadiño nun lugar de encontro entre os veciños e veciñas e organizamos un xantar para todos e todas, queremos que ese día sexa tamén un momento para compartir tempo e conversas”. Carlos Nieves agarda que a iniciativa se siga realizando “ano tras ano durante moito tempo”.











