publicidade hoxe

O Concello da Lama abre o prazo para inscribirse como voluntario na agrupación de Protección Civil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Lama
A-
A+

O Concello da Lama abriu o prazo para que aquelas persoas, maiores de 18 anos, con tempo libre e con valores altruístas, para inscribirse como voluntario na agrupación de Protección Civil que está a impulsar esta administración local. Os membros desta nova agrupación local colaborarán nas súas funcións cos seus homólogos de Covelo, Fornelos de Montes, Mondariz e Mondariz-Balneario co fin de ampliar a capacidade de resposta cidadá ante situacións de emerxencia civil.

Aquelas persoas que queiran formar parte da Agrupación Local de Protección Civil da Lama terán que someterse a un curso básico, eminentemente práctico e con formación interactiva que lles achegará coñecementos elementais en primeiros auxilios, emerxencias no ámbito familiar, accidentes de tráfico, organización de eventos con concentracións de persoas e simulacros de evacuación.

Os membros de Protección Civil da Lama participarán en actividades prácticas de prevención de riscos a favor dos seus veciños asistindo a eventos, actuando en campañas de autoprotección, colaborando coas autoridades e efectivos de emerxencias en accidentes, temporais, nevadas ou incendios. 

A decisión do Concello da Lama de impulsar a creación desta agrupación local de Protección Civil prodúcese despois da reunión mantida cos alcaldes de Covelo, Fornelos de Montes, Mondariz e Mondariz-Balneario á que asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, coa intención de crear un servizo que tivese capacidade de dar unha resposta inicial a situacións de emerxencia nesta ampla zona do interior da provincia de Pontevedra. 

O alcalde da Lama, Jorge Canda, sinalou a importancia de que o Concello contase cunha agrupación local de Protección Civil co fin de canalizar as accións do voluntariado no municipio á vez que se prestaría un importante labor social relacionado cos labores preventivos e de asistencia inicial en caso de emerxencia de todo tipo.

16 de decembro de 2015 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.