O Concello da Coruña presenta o programa de actividades socioculturais de 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, presentou este luns o programa de actividades socioculturais de prevención e cooperación social organizados pola súa área de Goberno de cara ao próximo ano. A responsable municipal destacou que “se trata dunha ferramenta básica da intervención social, cuxos principais obxectivos son os de detectar, previr e atender aquelas situacións de risco ou marxinación social, co fin de ofertar solucións normalizadoras para acadar o benestar social das persoas e favorecer e fomentar a participación cidadá, o acceso á cultura, a formación non regrada e o goce do tempo de lecer”.

O programa, que estará conformado por máis de 25.000 horas de actividades en toda a rede de centros cívicos municipais, que na actualidade conta con 22 equipamentos distribuídos polos distintos barrios da cidade. “Para o cumprimento dos seus obxectivos, a Concellería de Xustiza Social e Coidados poderá reservar ata o 20% das prazas para persoas beneficiarias de programas sociais”, explicou Cameán, que indicou que estas prazas serán xestionadas a través dos equipos técnicos da concellería.

As actividades estarán dirixidas aos distintos sectores de poboación, con actividades infantís, xuvenís, para persoas maiores (máis de 65 anos) e interxeracional (persoas de tramos de idade non contemplados nos apartados anteriores).

Co obxectivo de ofrecer un servizo útil para a cidadanía, a Concellería de Xustiza Social oferta actividades formativas e de educación compensatoria como é o caso de apoio escolar en primeira e secundaria, alfabetización e cultura xeral para persoas adultas, cursos e obradoiros de iniciación e conversación en inglés, de redes sociais ou de informática entre outros. No apartado de actividades creativas haberá obradoiros de teatro, danza, baile, música e escritura. Talleres de labores, costura, palillos, ganchillo, calceta e manualidaes nas actividades de artesanía, mentres que tamén haberá programas de estimulación: obradoiros de memoria, xadrez e relaxación. Clases de fomento de actividades saudables, de nutrición e cociña para persoas con intolerancia alimentaria e de fomento do envellecemento activo e mantemento físico completan a oferta.

O período de preinscrición para solicitar estes cursos realizarase os días 7,8 e 9 de xaneiro e o sorteo público realizarase o 9 de xaneiro, ás 20.15 horas. A exposición das listas de persoas admitidas farase o 25 de xaneiro, luns e a inscrición definitiva realizarase os días 26, 27 e 28 xaneiro.

Para coñecer as programacións, así como os requisitos de acceso, os períodos de inicio e fin de cada actividade e o prezo público a abonar, os e as usuarias interesadas poden solicitar información nos seus respectivos centros cívicos, no 010 ou na web www.serviciosociales.coruna.es .

Por outro lado, a Concellería de Xustiza Social e Coidados ten previsto realizar durante o ano 2016, as conmemoracións e festas, que coincidindo coas datas máis sinaladas, se celebran nos centros cívicos (Día das Letras Galegas, Día Internacional dos Dereitos do Neno, do Voluntariado..), os campamentos para menores en época estival e no nadal, bailes para maiores, actividades de canto coral, talleres de envellecemento activo e programas de prevención de adición para os e as xóvenes.

“Das respectivas convocatorias e dos requisitos para a participación nestas actividades específicas informarase en datas próximas a súa realización”, apuntou a concelleira Cameán, que recordou que a información sobre os mesmos estará dispoñible nos centros cívicos, na web municipal ou no teléfono de información cidadá.

14 de decembro de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.