O Concello da Coruña participa xunto a cidades de todo o Estado nun encontro para promover novos mecanismos de participación cidadá
A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, vén de participar esta semana en Madrid no primeiro encontro “Ferramentas para a democracia: abrindo a participación” xunto a representantes da súa área de cidades como Barcelona, Xerez ou a propia localidade madrileña. A iniciativa desenvolveuse co obxectivo de traballar e ampliar o marco común de referencia sobre o que promover procesos participativos en todo o Estado a través do intercambio aberto de experiencias entre cidadanía, investigadores internacionais e institucións. As xornadas contaron coa presenza de Gunnar Grimmsson, responsable da instauración dos orzamentos participativos en Reikiavik (Islandia) ou Mark Klein, que presentou o Centro de Intelixencia Colectiva do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT).
No encontro, que ofreceu numerosas conferencias, talleres e dinámicas ao redor da participación dixital e a democracia deliberativa, as e os asistentes debateron sobre o marco político e contexto actual para promover este tipo de procesos, durante o cal detectaron “a necesidade de atopar fórmulas que permitan conectar o alcance das ferramentas dixitais co saber e experiencia que acumulan os espazos de mobilización e participación presencial”, segundo plasmaron no documento de conclusións. Tamén traballaron sobre o impacto que teñen as redes sociais na promoción, difusión e alcance deste tipo de ferramentas, e sinalaron que “este tipo de encontros, híbridos e abertos, son espazos imprescindibles cara ao avance a unha verdadeira cultura da participación nas nosas cidades, onde poder aprender e integrar as aprendizaxes doutras experiencias para aplicalos aos nosos contextos e poder desenvolver o noso propio modelo de democracia”.











