O Concello da Coruña gastou no encontro municipalista da fin de semana 557,23 euros
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, valorou hoxe como “asumibles” os gastos que lle supuxo ao Concello o encontro municipalista que entre o venres e o sábado achegou á Coruña aos alcaldes e alcaldesas de cidades como Barcelona, Compostela, Ferrol, Valencia e Zaragoza, e a representantes municipais de Madrid, Oviedo e Cádiz, para participar nunhas reunións de traballo que tiveron un custo total para as arcas municipais de 557,23 euros. Tal e como sinalou o rexedor, o gasto máis elevado, de 377,60 euros, correspóndese cos 32 billetes de tren en tarifa ordinaria desde A Coruña a Compostela e volta, ao que hai que sumar os 115 euros que custaron os traxectos en bus urbano entre María Pita e a estación de San Cristóbal, ida e volta.
O resto do investimento, indicou Ferreiro, serviu para pagar as pastas que se serviron no almorzo (45,45 euros á confeitería París), os caramelos (13,18 euros en Gadis) e o café, uns 750 gramos que tiveron un importe aproximado de 6 euros; en canto aos regalos institucionais entregados, non supuxeron un gasto adicional, posto que xa pertencían ao Concello. “O normal é ter algunha atención coas persoas que veñen, e as do Concello da Coruña foron tan excesivas como café durante as reunións, pastas e uns caramelos”, ironizou o alcalde.
“Ese foi todo o gasto que asumiu o Concello da Coruña durante a fin de semana”, subliñou Ferreiro, para lembrar que o acto político que tivo lugar na tarde do sábado, “cun gasto bastante máis elevado”, fíxose a conta da Marea Atlántica e non do Concello. “Era un acto político e nós sabemos distinguir a representación institucional do que son actos políticos; o institucional o pagan as institucións e os actos políticos, as organizacións políticas, e unha cousa non se mestura coa outra”, incidiu.
Como tamén quixo lembrar o alcalde, “o nivel de gasto institucional que había en reunións semellantes con outros gobernos na Coruña era bastante máis elevado”, un feito que Ferreiro cualificou como “normal, porque cando veñen representantes públicos o normal é ter atención e tratalos ben, xa que son alcaldes que representan a máis de oito millóns de habitantes, e merecen ser tratados co que son”.











