O Concello da Coruña apoia ao sector marisqueiro nas súas reclamacións polas perdas do dragado da Ría do Burgo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Medio Ambiente, María García, manifestou este mércores o apoio do Concello ao sector marisqueiro, ante a preocupación deste colectivo polo impacto económico negativo que suporá o dragado da Ría do Burgo. O Goberno municipal advirte de que o proxecto publicado no Boletín Oficial do Estado o pasado venres contempla 21 meses de obras pero non cuantifica as medidas compensatorias económicas que percibirán os mariscadores e mariscadoras polas perdas que, segundo calcula o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, sufrirá o sector como consecuencia do proceso.

Como expón a responsable municipal de Medio Ambiente, a memoria do plan de dragado establece que o impacto sobre a actividade marisqueira será analizado na fase de execución da obra e de explotación, e adianta que a actividade extractiva terase que paralizar durante os traballos, “xa que se trata de actividades incompatibles”. “Aínda que a diferencia é significativa entre o marisqueo de a pé e o de a flote, o plan e o cronograma de obra inclúen a suspensión da actividade de marisqueo nos distintos bancos”, observa a responsable municipal, quen indica como exemplo o feito de que no banco de Maruxa Grande “a suspensión sería total”.

O documento, detalla a concelleira, fala dunha redución de ingresos medios no primeiro ano de obras de 15.906 euros para os bancos autorizados de a pé, e de 13.918 anos no segundo, dunha media que o Ministerio establece en 49.708 euros anuais, o que representa o 32% dos ingresos medios o primeiro ano e de 28%, o segundo. En canto ao marisqueo para a zona en autorización a flote, o Estudo de Impacto Ambiental fixa a media de ingresos anuais en 29.496 euros e proxecta unha redución deses ingresos de 19.931 euros o primeiro ano (ata o 67,5%), e de 14.821 o segundo (50,2%). No caso do marisqueo a flote libre, para o que se establece un ingreso medio anual de 35.190 euros, a diminución de ingresos cuantífícase en 11.585 euros o primeiro ano (32,9%), e en 8.688 no segundo (24,6%). “Como se pode ver, o impacto económico sobre a actividade marisqueira é moi significativo e transcentente”, valora a titular de Medio Ambiente de Coruña.

Nese sentido, María García engade que a Memoria tampouco explicita que administración ou administracións asumirán un gasto que, como sinala, “non figura nin no Orzamento nin se remite a outra actuación interadministrativa”.

15 de decembro de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.