O Colexio de Psicoloxía denuncia a situación de ilegalidade da asistencia psicolóxica en servizos de oncoloxía do CHUAC
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia denuncia a vulneración da lexislación vixente en materia de asistencia sanitaria que está a producirse no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), en concreto no relativo á prestación asistencial da atención psicolóxica na Área de Oncoloxía, que se fai a través dunha bolsa conveniada entre a Fundación María José Jove e a Fundación Profesor Novoa Santos (CHUAC).
A devandita bolsa de psicooncoloxía recóllese no convenio asinado entre ambas institucións con data 13 de maio ten como obxectivo fundamental dar cobertura ás necesidades da Área de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña. Para isto contratouse como bolseiro a un licenciado en Psicoloxía para atender a pacientes con diagnóstico de cancro, familiares e profesionais do Servizo de Oncoloxía Médica, con tarefas netamente asistenciais. Os devanditos labores requiren a responsabilidade de actuación por parte dunha ou dun facultativo especialista de área en Psicoloxía Clínica.
En cambio, é preocupante a vulneración evidente da normativa sanitaria estatal e autonómica en materia sanitaria, a través desta forma de provisión (externalización dunha prestación sanitaria a través dunha bolsa). Para realizar labores asistenciais nos centros e establecementos sanitarios dos Servizos de Saúde que conforman o Sistema Nacional de Saúde, as e os profesionais deben manter unha relación contractual que se rexa pola normativa vixente en materia de emprego público, aténdose aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade na selección, promoción e mobilidade do persoal do organismo (Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde).
Por outra banda, os psicólogos e psicólogas que desenvolvan a súa actividade en centros, establecementos e servizos do Sistema Nacional de Saúde ou concertados con el, para facer efectivas as prestacións sanitarias derivadas da Carteira de Servizos Comúns do mesmo que correspondan a devanditos profesionais, deberán estar en posesión do Título Oficial de Psicólogo/a Especialista en Psicoloxía Clínica, de acordo coa Lei 33/2011, de 4 de outubro, Xeral de Saúde Pública; aspecto que se está a incumprir coa mencionada bolsa.
Ademais, a asistencia sanitaria propia dos servizos de saúde do SERGAS, se non se corresponde coa provisión de prazas e capacitación profesional debida, conculca dereitos fundamentais dos pacientes tal como veñen recollidos na Lei 41/2002, de 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigacións en materia de información e documentación clínica, e na Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, entre outras.
A Administración Sanitaria ten a responsabilidade de planificar os recursos materiais e, evidentemente, os humanos para satisfacer as prestacións sanitarias, así como executar as medidas precisas para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía.
Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia esiximos a reparación urxente da circunstancia irregular e a provisión, polas canles legais e ordinarias, da prestación asistencial de atención psicolóxica na Área de Oncoloxía do CHUAC, que na categoría de psicólogas e psicólogos clínicos é a través de listados de contratación segundo o Pacto de selección temporal de persoal estatutario.











