O Circo de Nadal chega ao Auditorio de Ourense
O Auditorio Municipal de Ourense acollerá, os vindeiros luns e martes, senllas actuacións do Circo de Nadal, un espectáculo para toda a familia e “dirixido, especialmente, para quen máis desfruta destas festas, os nenos e nenas”, comentou a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, na presentación dunha actividade que destaca pola “beleza da escenografía do espectáculo e o seu carácter innovador, ao mesmo tempo que conserva tamén o mellor do circo clásico: acróbatas, trapecistas e bailaríns”.
A titular de Cultura está convencida de que toda a familia o pode pasar en grande nesta ponte da Constitución: “Desde a Concellería traballamos para que sexan uns días nos que a cidade teña unha grande oferta cultural para todos os públicos, e en especial para o noso público infantil e xuvenil. Exemplo disto é o pase de ‘Ensaio sobre a cegueira’ ou o teatro para bebés que volve este venres”, dixo.
O Circo de Nadal de La Fiesta Escénica é único no mundo pola creación de personaxes animatrónicos, entre os que destacan os seus osos polares. Esta experiencia innovadora e de grande realismo recibiu no ano 2011 o premio do prestixioso circo alemán Roncalli, logo de estrear nese país co acompañamento musical da Orquestra Filharmónica de Berlín. Defínese tamén pola súa estética coidada, que emprega todos os recursos necesarios para os espectáculos de gran formato. Bota man de grandes escenografías, robótica, unha luminotecnia moi avanzada e efectos especiais que intensifican a súa carga visual.
O espectáculo Circo de Nadal encádrase nunha xira especial 20 aniversario da compañía por Galicia, que comeza en Santiago e estará tamén en Lugo e Vigo. Emilio Oro, produtor do espectáculo, sinalou a importancia que ten para eles presentar por primeira vez o seu Circo de Nadal en Ourense: “É unha edición especial, que repasa o mellor de dúas décadas, con grandes actos de circo, grandes ximnastas e unha morea de momentos máxicos pensados para sorprender a públicos familiares”, engadiu. No seu último paso por Vigo, a montaxe logrou chegar a 13.000 espectadores.
As entradas xa están á venda a través do portal Ataquilla.com, a un prezo que vai dende os 12€ ata os 22€.











