O Centro Comercial Arousa acolle unha exposición de casas de paxaros recicladas
O Centro Comercial Arousa acollerá desde mañá, 17 de decembro, a exposición Casas de paxaros recicladas, que recolle 87 pezas elaboradas polas familias do CEIP de Rubiáns con materiais reutilizados.
A exhibición mostra os traballos presentados á terceira edición do Concurso familiar de reciclaxe, organizado polo centro escolar para promover a reciclaxe entre a comunidade educativa. O certame enmárcase dentro do proxecto documental integrado “O bosque de Sabela”, que recolle a realización de diferentes actividades e talleres durante todo o curso académico co obxectivo de que o alumnado do centro se aproxime aos bosques galegos.
Mais alá de fomentar a sensibilización ambiental, a finalidade do concurso é impulsar a presenza das familias na vida escolar. Neste sentido, Santiago Penas Castro, director do centro educativo, destaca “a elevada participación e implicación familiar, así como a alta calidade dos traballos recibidos, xa que todas as obras destacan pola súa orixinalidade e minuciosidade”.
As pezas estarán expostas na segunda planta do centro comercial até o 10 de xaneiro.











