O Calendario Municipal do vindeiro ano comezará a repartirse este xoves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Calendario Municipal do 2016 chegará mañá ás rúas da cidade. O almanaque está formado por 12 imaxes antigas da cidade, cedidas polo Arquivo Municipal, e 13 recentes –12 de cada mes e unha de portada– que foron escollidas o pasado mes de outubro a través dun concurso convocado polo Concello entre os coruñeses e as coruñesas, e no que participaron máis de 90 persoas. O tema elixido para esta convocatoria, “A xente da Coruña”, busca reflectir tanto á veciñanza como as súas xuntanzas, desde as festas populares e citas deportivas ou culturais, até espazos comúns como prazas, parques ou mercados… onde sexa, pero en común.

O xurado, formado por un representante de cada un dos grupos da Corporación municipal –José Manuel Sande, Lucía Cabanal, Mar Barcón e Avia Veira– e tres fotoxornalistas –Víctor Echave, César Quian e Pedro Puig–, seleccionou 13 imaxes realizadas no termo municipal, sobre as 209 imaxes recibidas, que destacaron pola súa calidade e representatividade.

O Calendario estará dispoñible desde mañá no punto de distribución, Fotoblanco, e á venda, por 1,45 euros, nas librerías e quioscos da cidade.

2 de decembro de 2015 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.