publicidade hoxe

O baile tradicional será o tema central do Tempos para compartir do mes de decembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O último Tempos para compartir deste ano celebrarase o sábado 12 de decembro no local social de Bardaos. E farao cun contido distinto do habitual nestes encontros, xa que, desta vez, poderemos aprender os pasos básicos dos bailes tradicionais galegos máis coñecidos. Como profesor teremos a Iván Montes, mestre de educación física no CPI e, ademais, un auténtico apaixoado da música do país e cara omnipresente en todos os encontros de bailadores e bailadoras que se precen. O obradoiro ofrece 20 prazas e hai que apuntarse chamando ao 981 490 027 (ext.1). O prazo de inscrición remata o venres.

Montes fará unha pequena introdución teórica que se acompañará despois con prácticas de pasodobres, valses, polcas, muiñeiras e jotas. O quinteto de bailes galegos que calquera persoa debe coñecer se non quere mirar para o resto cando vaia a unha foliada ou unha repichoca. Os pasos básicos iniciais son moi doados de aprender e a tarde promete ser ben entretida posto que se trata de bailes que na súa maioría implican unha coreografía en grupo.

A actividade comezará ás 17.00h. e, en principio, durará arredor de hora e media, aínda que tamén é certo que estas cousas sábese cando empezan pero nunca cando acaban e máis aínda se temos en conta que bailando o tempo pasa en nada. Igual que pasa rápido a semana. E dicimos isto porque o venres, último día para apuntarse, está aí xa. Por iso quen queira ter praza na actividade debe chamar xa mesmo ao 981 490 027 (ext.1) e apuntarse. As 20 prazas que se ofrecen cubriranse por orde de inscrición e dándolle prioridade a persoas empadroadas no concello.

Ese mesmo teléfono é o que debemos ter de referenza se queremos ofrecernos como docentes de futuros obradoiros. Os dos primeiros dous meses de 2016 están xa pechados. O 9 de xaneiro César Galdo ofrecerá unha sesión centrada en sacarlle o máximo partido ás cámaras deportivas GoPro e o 6 de febreiro o interiorista Javier Suárez mostrará como engadirlle valor a unha vivenda que se queira vender usando técnicas de home-staging ou, dito doutra maneira, como preparar a ambientación dunha casa en venda para que lle cause boa impresión a posibles persoas compradoras. Consellos en último caso que tamén serán de moita utilidade para quen queira converter a súa casa nun lugar máis acolledor aínda que non teña previsto vendela. 

2 de decembro de 2015 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.