O avogado do menor que agrediu a Rajoy asegura que os seus pais están avergonzados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Europa Press

O avogado do menor que agrediu este mércores ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, durante o paseo electoral que realizou por Pontevedra, Jorge Cubela, asegurou este xoves que os pais do mozo están “avergonzados” por esta acción e rexeitou que exista algún tipo de motivación política nos seus actos.

En declaracións aos medios realizadas nas dependencias xudiciais da Parda, o letrado destacou que os pais do menor “son xente honrada e traballadora, xente de ben de Pontevedra”, tras o que aclarou que “isto os está a superar”.

Ademais, Cubela asegurou que o mozo “non está vinculado a ningún partido político, nin a ningunha organización de ningún tipo”, polo que descartou que o ataque teña algún tipo de motivación política.

Sobre a posibilidade de que o mozo estea arrepentido da súa actuación, o letrado respondeu cun “creo que si”, aínda que non aclarou se pedirá perdón polos feitos. “Se o pide, pedirao a través de min”, precisou, “para continuar apuntando que agora mesmo está detido e non é consciente de moito, está nunha burbulla”.

ENTREVISTA CUN PSICÓLOGO

O menor detido pola agresión entrevistouse na tarde deste xoves cun psicólogo e cun traballador social antes de declarar ante a fiscala de Menores de Pontevedra, Encarnación Boullón, que será quen propoña ao xuíz as penas que considere necesarias por esta acción.

Segundo explicou o seu avogado, “os tempos xudiciais con menores son un pouco distintos aos tempos xudiciais con adultos”, polo que o mozo “tivo que pasar unhas entrevistas como todos os nenos expedientados”, un proceso que “leva tempo”. Con iso, Jorge Cubela xustificou a demora en pasar a disposición do xuíz de Menores, “non porque se estea a tratar dun xeito especial”.

“O que Fiscalía pediu e nós lle pedimos a Fiscalía”, explicou o letrado, “é que por favor se preserve a intimidade do menor e non saia nada relacionado coa súa vida”. O avogado do mozo sinalou que o seu representado “á fin e ó cabo é un neno que merece ter unha vida plena o día de mañá”.

Tamén se dirixiu á prensa para que se preserve igualmente “a identidade e a honra do menor” e considerou que “no fondo tamén é unha vítima”.

17 de decembro de 2015 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.