O arcebispo de Santiago apela ás persoas sensibles para enfrontar a miseria
O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, fixo un chamamento ás “persoas sensibles ás necesidades dos demais” para enfrontarse á “miseria baixo todas as súas formas” e tivo palabras de alento para as familias, os refuxiados e as vítimas do terrorismo.
Na súa Homilía de resposta á ofrenda ao Apóstolo, que realizou a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, monseñor Barrio dixo que “o comportamento ético e moral na actitude de servizo aos demais” debe ser a “referencia” dos cristiáns e asegurou que “o verdadeiro mal para o home” está “no van intento da autosuficiencia” coa que se “pretende planificar a vida ás costas de Deus”.
Do mesmo xeito, sinalou que “fan falta persoas sensibles á necesidade dos demais, que se deixen conmover por ela” para “enfrontarse á miseria”, que “non é só de formas exteriores e materiais, senón tamén de ignorancia, de pecado e de impotencia para facer o ben e para harmonizar as diferenzas”.
Tras recordar a celebración do xubileu extraordinario do Ano da Misericordia, o arcebispo pediu a intercesión do Apóstolo Santiago no “fortalecemento da vida cristiá”, a “santificación e protección da familia” e o apoio a cristiáns perseguidos, refuxiados e vítimas do terrorismo.











