publicidade hoxe

‘O Apalpador’ e ‘Os Bolechas’ chegan á comarca do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuMarínMoaña
A-
A+

O deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, presentou esta mañá en Bueu as actuacións do programa ‘Nadal en Galego’ para a comarca do Morrazo, que contempla a chegada de ‘O Apalpador’ ás rúas de Bueu, Moaña e Marín o día 22, e o espectáculo ‘A máquina do tempo’ de ‘Os Bolechas’ vindeiro luns, día 21, no Auditorio de Cangas.

Xosé Leal, que estivo acompañado polo Alcalde e pola concelleira de Normalización Lingüística de Bueu, Félix Juncal e Silvia Carballo, pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e polo concelleiro de Ensino de Cangas, Xosé Ramón Chillón, asegurou que “estas actuacións son un complemento á programación que se fai desde os concellos, porque temos que insistir en que desde a nova Deputación sempre traballamos en colaboración cos concellos e para axudalos, nunca para suplantalos”. Xosé Leal salientou “o carácter transversal destes espectáculos que fomentan o uso da lingua, a recuperación da nosa tradición, a dinamización do comercio local e valores sociais de respecto polo medio e educativos de coñecemento da nosa historia “.

Está previsto que ‘O Apalpador’ chegue ás rúas de Bueu ás 12:00h, a Moaña ás 16:00h e a Marín ás 18:00h, do xoves 24 de decembro. En palabras de Xosé Leal “é unha actuación que estamos levando por diferentes comarcas da provincia para recuperar e dar a coñecer esta figura mítica da nosa tradición, que está máis enraizada coas comarcas do interior e coas zonas de montaña do Courel e dos Ancares, e que é máis descoñecida en comarcas de costa coma esta”. Pola súa banda, o Alcalde de Bueu, Félix Juncal, quixo poñer en valor que “a través da Deputación conseguimos que todos os concellos desta comarca teñamos ofertas culturais e de ocio no Nadal que parten da defensa do propio, nas que o protagonista é o galego, o pobo, a cultura e a tradición”. Asegurou ademais que “o que se pretende é que sintamos como galegos, porque a mellor forma de avanzar na historia é que non perdamos a nosas sinais de identidade”. A Alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, agradeceu á Deputación “o compromiso coa nosa lingua, coa nosa cultura e coa nosa tradición” e asegurou que “a visita de ‘O Apalpador’ ás rúas de Moaña complementa perfectamente as nosas actividades de Nada”l. Xosé Leal fixo especial fincapé en que “a figura do Apalpador constitúe un elemento dinamizador para o comercio local, porque é complementaria a outras figuras típicas destas datas coas que non entra en colisión “.

Ao Auditorio de Cangas chegarán ‘Os Bolechas’ co seu espectáculo ‘A máquina do tempo’ o vindeiro luns, día 21, ás 18:00 horas. Leal asegurou que se trata dun espectáculo “moi coñecido pola rapazada galega e tamén polos pais e nais e que ademais fai unha labor formativa importante introducindo a historia de Galiza dun xeito lúdico”. Na presentación, o concelleiro de Ensino de Cangas, Xosé Ramón Chillón, salientou que “este espectáculo forma parte dunha programación de Nadal en Galego na que ademais tamén introducimos ‘O Apalpador’ con cargo ao programa do Concello e tres días dunha actividade que denominamos ‘Cantigas no Nadal'”. Chillón tamén agradeceu “o traballo que se está a realizar desde o departamento provincial de Cultura para fomentar o noso patrimonio e o máis importante que temos que é a nosa lingua”

O Apalpador

Este espectáculo está fundamentado na recuperación de valores medioambientais e de hábitos saudables. Trátase dun espectáculo musical que comezará cun pasarrúas pola vila no que o ‘Apalpador’ acompañado dun músico e dun burro fariñeiro, feito en madeira de bidueiro, convidarán aos nenos e nenas a subirse á súa montura por quendas e viaxar con eles. A ‘viaxe’ consistirá nun percorrido polas lendas da cultura das montañas, para coñecer os animais do bosque, os apeiros propios dunha casa, e a natureza propia de zonas como O Courel e Os Ancares. Para iso, despois do pasarrúas, visitarán unha exposición titulada ‘A xanela do Courel’ con fotografías e pegadas de animais do bosque feitas en arxila, como lobos, osos, raposos ou donicelas, e de utensilios e apeiros dunha casa da montaña, para que poidan coñecelos e familiarizarse con eles. O espectáculo remata cunha sesión de contacontos dirixido a todos os públicos, na que se tratará de promover o coidado da natureza, a necesidade de preservar o noso medio natural e de fomentar actitudes persoais baseadas en hábitos saudables e dietas sás.

É un espectáculo que vincula o Nadal coa tradición, recuperando unha figura que forma parte dos trazos identitarios galegos, para que os máis novos e as máis novas poidan familiarizarse con este personaxe e coñecer a súa historia. ‘O Apalpador’ representa unha figura mítica, que orixinariamente se representaba como un carboeiro de barba vermella e que segundo a tradición baixaba ás vilas desde as montañas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas para ver se comeron suficiente durante o ano e deixándolles a cambio agasallos e castañas, así como para desexarlles un novo ano cheo de felicidade e comida.

Os Bolechas

‘A máquina do tempo’ é unha actividade participativa na que as persoas asistentes, nomeadamente os nenos e nenas, poderán facer parte nun concurso no que se abordan cuestións moi elementais sobre diferentes etapas da historia de Galiza, como por exemplo distinguir entre un petróglifo e un xeróglifo exipcio. O concurso forma parte dunha viaxe no tempo, para a que se contará coa axuda tamén dun decorado específico. Dito decorado representa unha máquina ou nave do tempo, no que os propios irmáns Bolechas e o seu cadelo Chispa escenifican unha viaxe ao futuro e chegan á época na que xa son mozos. O espectáculo leva parello a posibilidade de continuar accedendo aos contidos do concurso a través dunha web, á que as persoas que asistan ao espectáculo poderán acceder a través da ‘palabra misteriosa’ que só elas saberán, pero que poderán compartir coa familia e as amizades.

Nesta actuación conxúganse os contidos lúdicos cos didácticos, para promover o coñecemento da historia do noso país a través de materias como a arte, a etnografía ou a xeografía, así como unha completa inmersión lingüística.

Cabe lembrar que ‘Os Bolechas’ nacen fai 15 anos como un proxecto editorial en galego dirixido a público infantil. Consta de máis de 400 títulos publicados e preto de 1.500.000 exemplares distribuídos, cos que contribúen á divulgación e á formación da cultura de raíz e da identidade galega. Comezaron a súa divulgación a través do ámbito educativo, principalmente centros educativos e bibliotecas, ata chegar a protagonizar espazos propios na canle autonómica de televisión, a través do programa infantil ‘Xabarín Club’ e de microespazos musicas propios, con marcado contido educativo abordando temas como lavar os dentes, ir para a cama, etc.

18 de decembro de 2015 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.